21 de set. de 2020

O ROSAL

MARÍA FANDIÑO, PREMIADA NO VIII CONCURSO INTERNACIONAL SIMONETTA BASTELLI, DE ARQUITECTURA E NATUREZA, POLO SEU PROXECTO EXPLANADA DO HORIZONTE DO ROSAL  

O Concello quere felicitar á arquitecta por este galardón, que recoñece a nova identidade que o proxecto dá ao territorio empregando técnicas e materiais propios da zona

 

A arquitecta María Fandiño na Explanada do Horizonte, en Portecelo (O Rosal)
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 A arquitecta María Fandiño acaba de gañar o Premio Internacional de Arquitectura e Natureza Simonetta Bastelli, na categoría xove, polo seu proxecto para a Explanada do Horizonte do Rosal. O xurado destacou o traballo feito por Fandiño nesta obra na que, tras un “atento e minucioso análise de coñecemento do lugar e da súa historia evolutiva, propón un novo capítulo para o seu desenvolvemento, cun deseño mínimo pero eficaz, utilizando técnicas e materiais que aínda sendo propios do sitio constrúen a súa nova identidade”.  

 A este galardón preséntanse propostas de proxectos europeos de intervencións arquitectónicas en catro categorías diferentes (profesional, xove, estudante e tese de doutoramento) que se dan a coñecer nun congreso internacional en Italia no que se tratan temas sobre accións no territorio e cambio climático. Este ano, debido á crise sanitaria, os proxectos presentáronse en formato virtual. 

 

                                     Explanada do Horizonte do Rosal

  

“O obxectivo do proxecto é recuperar a memoria do sitio, restaurar o ecosistema costeiro e devolver un lugar para quedarse cara o horizonte”, recolle a arquitecta na presentación do proxecto. Trátase de remodelar “o tramo da costa, mirando a estrutura, a topografía, analizando as súas proporcións, redibuxando o tramo cun vocabulario propio: as terrazas”.  

 Nun comunicado feito público este luns día 21 de setembro, o Equipo de Goberno Municipal afirma: Dende o Concello queremos felicitar a arquitecta por este galardón, que recoñece a nivel internacional o gran labor feito por María Fandiño no proxecto de revalorización e mellora deste tramo do Camiño de Santiago ao seu paso polo Rosal, co que tamén se dotará a Portocelo dunha nova área de esparexemento para os veciños. 

 Fandiño tamén recibiu unha Mención de Honra na categoría senior pola súa iniciativa ‘Marxes Líquidas: proxecto de acondicionamento do Río Miño ao seu paso pola cidade de Tui’, que fixo xunto con Miriam García.

Ningún comentario:

Publicar un comentario