Outubro, mes da Biblioteca
Actividades para celebrar o Día da Biblioteca
Infogauda / A Guarda
Desde o ano 1997, o Día da Biblioteca celébrase cada 24 de outubro. Esa conmemoración naceu por iniciativa da Asociación Española de Amigos
do Libro Infantil e Xuvenil co obxectivo de concienciar á sociedade da
importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor dos
bibliotecarios e bibliotecarias.
Enmarcadas no programa Ler conta moito, a Biblioteca Pública Municipal de A Guarda prepara diversas actividades a desenvolver no mes de outubro para celebrar o mes da Biblioteca, e o Día da Biblioteca.
“Cantacontos”, con Migallas Teatro
Sábado 10 de outubro ás 12:00 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural.
En “Cantacontos” os contos tradicionais ou de creación propia son arrequentados con cancións, música ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos e nenas. Todos os contos tratan cuestións próximas ao público infantil, e convídanos a participar no seu desenlace. As cancións complementan os seus contidos.
Público: Nenos e nenas de 4 a 11 anos e familias.
Obradoiro de Cómic e Banda Deseñada, con Santy Gutiérrez
Sábado 17 de outubro. Dúas sesións: ás 11:30 horas e ás 12:30 horas na Sala de Exposicións do Centro Cultural.
Co obradoiro de banda deseñada os rapaces aprenderán recursos da linguaxe do cómic facendo a súa propia páxina de BD. No cómic atoparán unha ferramenta afín á súa vida que lles axudará a comunicarse, contando as súas propias historias nas que verter as súas propias inquedanzas e intereses.
Público: Nenos e nenas: De 8 a 9 e Mocidade.
Trémola Teatro. Que animaliño é?
Venres 23 de outubro ás 18:00 horas. Na Sala de Exposicións do Centro Cultural.
Paula co seu xilófono e a través de diferentes elementos sensoriais fará que os máis pequenos da casa podan coñecer os distintos animais. “Que animaliño é?”, é unha obra para bebés que lles fará gozar, coñecer e recoñecer as cousas que ven ao seu redor.
Público: Bebés de 0 a 3 anos e familias.
Todas as actividades precisan inscrición previa na Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 649 327 525. Protocolo Covid-19. Bibliotecas seguras.
Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais, da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario