O Concello continúa co reparto de material da campaña de concienciación sobre limpeza viaria
Dirixida a propietarios de animais
A tenente de alcalde e a técnica de Medio Ambiente do Concello de A Guarda, con dous dos profesionais que colaboran na campaña
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de A Guarda lanzou esta semana unha nova campaña de concienciación sobre limpeza viaria para os propietarios de animais. A iniciativa contou con dúas sesións presenciais nas que se informou a preto dun cento de veciños e se entregaron material informativo e botellas de xeito gratuíto.
O pasado mércores día 9 de setembro a tenente de alcalde, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, e a técnica de Medio Ambiente do Concello visitaron a Clínica Veterinaria La Guarda e a Clínica Veterinaria Alameda, así como as tendas especializadas en animais French Can Can e Geni – Perruqueria e estética canina, para informar sobre a campaña e repartir follas informativas. Ademais estas empresas tamén repartirán as botellas para propietarios de animais de compañía en colaboración co Concello de A Guarda.
Desde o Equipo de Goberno Municipal indican que "o obxectivo da campaña é visibilizar o problema e intentar que a xente sexa responsable, de xeito que cando baixe a pasear ao can, ademais das bolsiñas paras as cacas, leven tamén unhas botellas con auga e vinagre para diluír as mexadas nas rúas e espazos públicos.
Esta campaña chama a concienciar á cidadanía que ten cans do problema de limpeza viaria que supón as mexadas destes animais, indicándolles que se deberían priorizar zonas verdes e reixas de drenaxe para que os cans fagan as súas necesidades nestes espazos.
Todas as persoas que o desexen poden contactar para recibir a súa botella plegable e ampliar información sobre esta campaña coa técnica de Medio Ambiente do Concello de A Guarda no enderezo electrónico medioambiente@aguarda.es ou chamando ao 676 674 837. É preciso que presenten a cartilla de vacinación ou o pasaporte do animal de compañía".
Ningún comentario:
Publicar un comentario