19 de ago. de 2020

TOMIÑO

O recinto escolar do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, será ampliado en máis de 1.500 metros cadrados  

César Augusto Pérez Ares reuniuse coa alcaldesa e co concelleiro de Urbanismo, para coñecer as melloras que se levarán a cabo no centro antes do comezo do curso 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez, na reunión co xefe territorial de Educación, César A. Pérez Ares 

 

Infogauda / Tomiño

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez Fernández, presentou ao xefe territorial de Educación, César Augusto Pérez Ares, o proxecto das obras correspondentes ao peche do CEIP Pintor Antonio Fernández (Goián), que se comezarán nos vindeiros días e estarán rematadas antes do inicio do curso.  

 A intervención consistirá no peche do perímetro do colexio e suporá unha ampliación do recinto escolar de 1.500 m2, cunha superficie verde que respectará o arboredo existente e as súas especies autóctonas, creando zonas de luz e sombra, descanso e xogo, etc.  

 Estas obras significan o inicio da conexión do colexio coa zona da área deportiva e a Escola de Música, prevista no Proxecto Máis Goián, que se comezará en breve e que vai supoñer a comunicación definitiva do centro da parroquia coa nova zona da carballeira, espazos de lecer e instalacións deportivas.  

 Ademais, na xuntanza celebrada onte no Concello de Tomiño, ao xefe territorial de Educación expúsoselle a instalación dunha pérgola na entrada do colexio, de xeito que o centro quede totalmente integrado na contorna da praza, expresando Pérez Ares o seu apoio ás obras.  

 Asemade, durante a reunión a alcaldesa repasou as obras de mellora e mantemento levadas a cabo polo Concello (por valor de 60.000 euros) durante o verán e o confinamento en diferentes centros educativos do municipio, comprometéndose Pérez Ares a regresar a Tomiño nos próximos días para coñecer in situ algunhas desas intervencións, tales coma as realizadas nas aulas do CRA (Colexio Rural Agrupado) de Barro, Vilachán e Figueiró, e na escola infantil do Seixo; instalación de proxectores nas aulas de Educación Infantil de Sobrada; renovación dos parques infantís dos colexios de Tebra e Sobrada, etc.  

 Por último, a alcaldesa comentou ao mandatario as dificultades existentes para financiar a limpeza que esixe o novo protocolo da Xunta, coincidindo ambos os dous na necesidade de colaborar lealmente de maneira institucional para que o inicio do curso sexa o máis seguro posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario