A XUNTA DE GALICIA INVISTE MÁIS DE 800.000 EUROS EN MÁIS DE 60 ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS DA ÁREA DE PONTEVEDRA
· O Goberno galego notificou esta semana ás entidades beneficiarias a resolución das axudas destinadas a asociacións veciñais, comunidades de usuarios de auga e organizacións de mulleres rurais
· O orzamento da convocatoria deste ano ascende a 2,5 millóns de euros e permitirá realizar obras de mellora nos locais de case 200 entidades veciñais de toda Galicia, ademais da compra de novos equipamentos para as súas actividades
· A Xunta apoia a través destas axudas o fomento do movemento veciñal con actuacións que contribúan á mellora do benestar dos cidadáns
Infogauda / Pontevedra
A Xunta de Galicia vén de informar esta semana ás entidades beneficiarias da resolución da convocatoria de axudas para 2020 do Plan Específico de acción comunitaria dirixido a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.
As achegas do Goberno galego no marco desta orde supuxeron un investimento duns 800.100 euros para 63 entidades de municipios da área de Pontevedra. No conxunto de Galicia, a Administración autonómica destinará a 190 asociacións o orzamento de 2,5 millóns de euros reservado para as axudas deste exercicio, o que supón un incremento do investimento nun 70% respecto ao ano pasado.
As asociacións beneficiarias nesta orde poderán realizar a través destas subvencións obras de rehabilitación e acondicionamento nos seus locais e adquirir novos equipamentos cos que levar a cabo as súas actividades e a prestación de servizos aos veciños. Ademais, poderán mellorar o abastecemento de auga dalgúns núcleos.
As subvencións beneficiarán na área pontevedresa aos concellos de Pontevedra, Arbo, Caldas de Reis, Cambados, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Crecente, A Estrada, A Guarda, A Lama, Marín, Mondariz, Moraña, Oia, Ponteareas, Silleda, Tomiño, Tui, Vila de Cruces e Vilaboa.
A Xunta financia mediante as subvencións deste plan actuacións que contribúan a satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza e redunden no benestar dos cidadáns e na mellora da calidade de vida local. Desta forma, renova a súa aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal.
A contía deste ano, con máis de 2,5 millóns de euros, é a máis elevada xunto coa de 2016, cando se iniciou esta liña de subvencións. Neste período o Goberno galego leva investido no Plan Específico de acción comunitaria 10 millóns de euros.
Para as entidades veciñais e as organizacións de mulleres rurais, o plan conta cunha liña de subvencións para obras de mellora dos inmobles da súa titularidade ou sobre os que teñan dereito de uso; e outra para a compra de equipamentos. Pola súa banda, as comunidades de usuarios de auga poden obter axudas a través deste programa para a execución de obras de reparación e mellora de traídas veciñais de auga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario