A Deputación analizará as eivas da transición e o papel da monarquía nas ‘II Xornadas de Memoria Histórica. Na loita contra a impunidade'
A deputada de Memoria María Ortega presentou o contido desta edición,‘A Transición: outro discurso é posíbel' , que se celebrará o 11 e o 12 de setembro no Pazo da Cultura
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra presentou onte as ‘II Xornadas de Memoria Histórica. Na loita contra a impunidade' que se celebrarán os vindeiros 11 e 12 de setembro baixo o título ‘A Transición: outro discurso é posíbel'. A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, destacou que o obxectivo desta cita é analizar como se pasou da dictadura á democracia no 78 cun discurso pactado, homoxéneo e acrítico coas institucións e organismos implicados poñendo de manifesto as súas eivas e erros. "En marzo, cando comezamos a preparar estas xornadas, nunca pensamos que ía estar tan de actualidade falar deste tema, co papel da monarquía en España en discusión e co papel do rei emérito cuestionado pola sociedade non só na época da Transición (…), senón tamén despois, agora cos últimos acontecementos e a súa fuga a fóra de España", subliñou.
Ortega explicou que esta segunda edición, que terá lugar no Pazo de Cultura de Pontevedra, dará continuación ás xornadas do ano pasado centradas na impunidade franquista, nas que se traballou cos colectivos sociais e coas familias para reivindicar a ‘verdade, xustiza e reparación' a través da querela arxentina. "Cremos que estas novas xornadas van espertar moito interese porque imos falar de que é posible outro discurso máis alá do discurso pactado no que moitas fomos educadas. Ante ese relato, dende a Deputación cremos preciso analizar e debater as cousas que se fixeron mal na época da Transición", dixo.
A nacionalista destacou que se "naquel momento puido ser que ninguén se dese de conta", co paso do tempo, ao igual que as persoas aprenden dos seus erros para ser maduras, a sociedade ten que "mirar atrás, criticar o feito e corrixilo para ser madura". Lembrou a deputada que moitas das decisións tomadas naquela época están facendo que hoxendía se tomen decisións que "ao mellor non son correctas" e que no vixente poder lexislativo pese "un determinado conformismo e conservadurismo que fan que a nosa democracia non avance". "Se non podemos ser críticos e aprender dos nosos erros e mellorar nunca seremos unha democracia madura. Neste momento por moitos feitos eu, síntoo moito, creo que a nosa democracia está en cueiros e dígoo porque son unha muller que me gusta ir coa verdade por diante".
A inscrición para as Xornadas poderá formalizarse de maneira gratuíta a través da páxina web da Deputación a partir do vindeiro luns.
Da ‘francocracia' á loita co discurso imperante
Nas xornadas estarán presentes persoas relatoras que, fronte ao discurso do ‘pensamento único e homoxéneo', foron e son críticas con ese momento da historia.
Entre elas está Ángeles Díez, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía da Complutese, que afondará dende o punto de vista político como segue a haber vestixios do franquismo na nosa sociedade, en institucións, e organismos que apenas mudaron cando rematou o réxime e se iniciou o suposto Estado de Dereito, o que ela define como ‘francocracia'. Tamén se abordará este tema cunha perspectiva de país con Xulio Padra, autor do libro ‘Galicia en Transición'.
Falarase da perspectiva da loita nos tribunais, contando con Goretti Sanmartín, impulsora dende a Deputación da Coruña da Xunta pro Devolución do Pazo, e con Xabier Ferreira, profesor da USC e responsable do informe xurídico de Meirás. Neste sentido, a deputada María Ortega aproveitou para criticar que as institucións están a darlle as costas á Memoria, algo que dende a Deputación de Pontevedra se quere rachar, xa que considera que é un deber para as e os representantes da cidadanía "loitar polas liberdades" e acompañar aos colectivos e familias.
Seguindo coas xornadas, destacou que o venres pola tarde farase unha visita á Illa de San Simón, unha icona e símbolo da memoria histórica para a que a Deputación está a esixir un plan de usos e que sexa declarada Illa da Memoria. Será unha xornada na que ademais organizar un roteiro a cargo de Matías Matías Rodríguez, se realizarán dúas intervencións de Luís Bará para falar das políticas públicas de memoria na Galiza, e de Enriqueta Otero, presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín e filla de Eduardo Otero Molas, preso en San Simón, que falará da loita civil pola memoria das vítimas.
Xa o sábado estará en Pontevedra a Cristina Fallarás, unha persoa moi crítica co papel dos medios de comunicación no relato da Transición. Falarán logo Paloma García, Jacinto Lara, Irene Francés e Jana Calero, integrantes da equipa da avogacía da querela arxentina, e continuarase cunha homenaxe ao represaliado Chato Galante, que faleceu este ano "ao que levamos con nós e agradecemos todo o que nos achegou, sendo o responsable e pai ideolóxico das I Xornadas que celebrou esta Deputación, animando a traballar na loita contra a impunidade".
Xa pola tarde tocará a quenda de xente "que nun momento moi complicado rompeu o discurso" como foia xornalista Tareixa Navaza, que padeceu un custe persoal pola súa significación cando, por retransmitir a chegada dos restos de Castelao a Bonaval lendo fragmentos de Sempre en Galiza, foi retirada de antena no seu traballo da televisión. Tamén se dará conta doutras iniciativas que foron quen de facer un relato distinto como Margarita Ledo dende o cine; Xurxo Souto na música da transición; Santi Cortegoso no teatro ou o propio Alberto San Juan, que fará un monólogo sobre a monarquía titulado ‘Autorretrato de un joven capitalista'. "Houbo entón unha cultura transgresora que foi quen de saírse do discurso hexemónico creando illas no mar do pensamento único e sendo incómodos", dixo Ortega.
Fascismo psicolóxico
Pola súa banda, a xornalista Tareixa Navaza felicitou á deputada María Ortega e á Deputación pola iniciativa das Xornadas de Memoria porque "nestes momentos para min difíciles de afondar na democracia non sodes equidistantes, non sodes neutrais cun tema como é a reparación a tantas vítimas. Ser equidistante e neutral nas institución na comunicación é vergoñento, indigno e aberrante", subliñou.
Agradeceu as Xornadas, así mesmo, "porque impunidade haina en moitísimos sectores", argumentando que na Transición aceptouse "o que se conciliou nesa Transición idílica -que non o é- para seguir os de sempre disfrutando tamén de beneficios durante a aparente democracia que temos que afortalar moitísimo… Porque se non fora por tribunais europeos, isto sería para min terrorífico", subliñou.
Navaza fixo fincapé no que está a acontecer coa monarquía e lembrou que todo saltou grazas á xudicatura suíza: "Temos unha xudicatura en xeral salvo honrísimas excepcións, cun pasado franquista e un fascismo psicolóxico e profesional tremendo, igual que en parte do exército e moita parte de partidos políticos".
A xornalista insistiu en que é preciso facer un esforzo "e pelexar cada día para reparar e dar xustiza a esas mulleres e homes que nos prepararon o camiño para poder falar agora cun pouco de liberdade". Neste punto, quixo facer unha homenaxe ás compañeiras da RTVG: "Hoxe é venres e cúmprense 117 venres de protesta pola manipulación da radio e televisión públicas deste país", indicou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario