14 de ago. de 2020

OIA

Fin de semana de natureza cos Bosques Terapéuticos da man da Deputación  

Con todas as prazas esgotadas, os "baños de bosque" chegan este sábado a Oia, mentres que o domingo o escenario escollido será Freaza, en Fornelos de Montes

 

Infogauda / Oia 

 A Deputación de Pontevedra levará esta fin de semana ata Oia e Fornelos de Montes dúas actividades que combinan sendeirismo e contacto co medio natural. Así, os "baños de bosque" serán protagonistas da ruta do programa medioambiental "Bosques terapéuticos", cun percorrido mañá sábado, 15 de agosto, pola costa de Oia e a Serra da Groba. O domingo, pola súa banda, terá lugar un percorrido a través da zona de Freaza, no concello de Fornelos de Montes. Ámbalas dúas actividades teñen todas as prazas esgotadas e contarán con todos os protocolos e as medidas de seguridade vixentes para minimizar os riscos de contaxio da covid-19.  

 O "baño de bosque" pola costa de Oia e a Serra da Groba permitirá afondar na natureza, no bosque autóctono galego a través de diferentes exercicios que servirán para establecer un contacto directo co entorno. A actividade, na que participará a deputada provincial Raquel Giráldez xunto a outras 15 persoas, desenvolverase nun tramo de 1.000 metros a través do cal os inscritos gozarán desta formación declarada Espazo Privado de Interese Natural en xaneiro do ano 2011 pola Consellería de Medio Rural que se trata dunha das escasas masas de sobreiras en rexións con clima oceánico que se coñecen en Galicia.  

 Por outra banda, a ruta que o programa "Bosques terapéuticos" ten programada o domingo no bosque de Freaza, en Fornelos de Montes, discorrerá a través de 1.400 metros arredor da conca do río Barragán, que se caracteriza pola presenza dunha mata de bosque autóctono con recunchos de gran beleza natural. Ademais, a abundancia de patrimonio etnográfico coma muíños, pontes ou levadas (canles que conducían a auga ata os muíños) achégalle un interese turístico que fará deste carreiro unha experiencia inesquecible tanto para os 15 participantes como para a deputada Victoria Alonso, que tamén participará na iniciativa provincial.  

 Deste modo, estas dúas rutas súmanse ás que se levaron a cabo o xoves e venres desta mesma semana. A primeira delas foi en Camposancos (A Guarda), mentres que a segunda tivo como escenario o espazo natural de Cabo Udra, no concello de Bueu. Todas estas actividades elabóranse para poder sentir profundamente a experiencia dos baños de bosque, nos que todas aquelas persoas que participen serán quen de desconectar os móbiles, observar a luz solar, percibir os sons e aromas, camiñar e respirar con calma e en silencio para abrir a mente e, sobre todo, gozar do momento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario