21 de ago. de 2020

O ROSAL

Inícianse os trámites para a recuperación do entorno da ermida de San Vicente  

O Concello actuará como mediador para que os veciños poidan solicitar a Medio Rural a corta dos eucaliptos das áreas colindantes

 

Infogauda / O Rosal

 O goberno municipal do Concello do Rosal mantivo unha reunión esta semana con distintas personalidades coa intención de traballar conxuntamente na posta en valor e recuperación do entorno da ermida de San Vicente, situada no lugar de Marzán. Á reunión acudiu a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, xunto cos concelleiros Carlos Villanueva Domínguez, Ramón Fernández Leal e a técnica forestal como representación do Concello. Estiveron presentes tamén na xuntanza veciñas de Marzán da Comisión de San Vicente, membros da Asociación Forestal “A Jalleira” e o párroco da ermida, Don Julio Ramos Rodríguez. 

 A ermida de San Vicente, de época medieval, posúe un entorno cun importante valor patrimonial, xa que nel atópanse tamén dous sartegos medievais escavados en pedra, un conxunto de catro muíños e un lavadoiro. A recuperación deste espazo e a limpeza forestal das súas inmediacións son de vital importancia para o concello, especialmente nunha situación de risco para o patrimonio existente na área, posto que son ocasionais os desprendementos de pólas de árbores que poden ocasionar danos estruturais. 

 O proceso de recuperación viuse dilatado no tempo debido á complexidade dos procesos burocráticos necesarios para tal fin, ao ser unha área na que son necesarios permisos de varias sectoriais (Patrimonio, Confederación Hidrográfica, Estrada Provincial e Medio Rural). Isto tórnase mais complexo ao estar a propiedade do entorno da ermida en mans de múltiples propietarios forestais, os cales precisan dirixirse a Medio Rural para solicitar unha corta dos eucaliptos das súas fincas. 

 Ante esta situación, o Concello do Rosal decidiu dar un paso á fronte establecéndose como un mediador, creando un modelo de autorización para que os propietarios lle cedan a súa autorización para xestionar o trámite con Medio Rural de forma conxunta. O obxectivo desta acción é axilizar o proceso e conseguir que teña viabilidade, colocando o primeiro chanzo deste obxectivo na reunión mantida esta semana. 

 Dende o Concello agradecen profundamente a colaboración das veciñas de Marzán da Comisión de San Vicente, membros de asociacións e demais partes presentes na xuntanza por colaborar coa recuperación e posta en valor dunha parte patrimonial fundamental para o municipio como o é a ermida de San Vicente e todo o seu entorno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario