11 de ago. de 2020

O ROSAL

O Concello do Rosal camiña cara a eficiencia enerxética  

O goberno municipal adxudica un contrato para a redacción dunha auditoría enerxética que avalíe a situación do municipio   

 

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal deu esta semana o primeiro paso dun plan estratéxico que procurará camiñar cara un modelo de consumo enerxético sostible, eficiente e comprometido co medio ambiente. Trátase da adxudicación dun contrato para a redacción dunha auditoría enerxética co que coñecer o estado actual do municipio, tanto no consumo da iluminación pública exterior coma no conxunto das instalacións municipais, co obxectivo de establecer un conxunto de reformas e melloras encamiñadas a facer un uso racional da enerxía. 

 A auditoría terá un custo total de 16.552,80 euros, aportados nun 50% pola Consellería de Presidencia ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, sendo o outro 50% provinte de fondos propios do concello. 

 A auditoría representa un primeiro paso dunha estratexia planificada, a medio e longo prazo, para mudar por completo o consumo enerxético do concello, e que precederá a elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) co fin de establecer un modelo de consumo eficiente e sustentable. Este plan está encadrado no denominado “Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas polo Clima e a Enerxía”, ao que está adherido o Concello do Rosal, un movemento no que se agrupan milleiros de gobernos locais que se comprometen a afrontar retos coma o cambio climático, a enerxía sostible e que pretende garantir un entorno estable dende o punto de vista económico, social e medioambiental para as xeracións actuais e futuras. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, sinala a importancia desta acción non como unha medida para o presente senón como unha aposta para o futuro. “A idea non é pedir unha subvención para repoñer ou mudar algunhas luces, senón para mudar o sistema por completo de forma estratéxica e planificada, e isto non se debe só a criterios de eficiencia económica e de consumo senón tamén a criterios éticos e de compromiso co medio ambiente”, sinala a rexedora.  

 Esta aposta decidida por un sistema enerxético responsable e sustentable pretende tamén acompañar as políticas ditadas pola Unión Europea en materia de lexislación medioambiental e enerxética, e axudarán a mellorar a posición do concello en previsión de escenarios futuros nos que as esixencias teñan un carácter máis restritivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario