4 de ago. de 2020

O ROSAL

A BANDA DE MÚSICA DA AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL ADAPTA O SEU FESTIVAL DE MÚSICOS XOVES Á NOVA REALIDADE 

· Modifícase o formato que se viña mantendo dende hai tres décadas para dar paso a ‘O Rosal Cámara Fest’, un ciclo de dez concertos repartidos polas distintas parroquias 

A alcaldesa do Concello do Rosal, o concelleiro de Cultura, o presidente e o director da Agrupación Musical do Rosal, na presentación de ‘O Rosal Cámara Fest’
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 A Banda da Agrupación Musical do Rosal adapta o seu tradicional Festival de Músicos Xoves á nova realidade que trouxo a crise sanitaria por mor da COVID-19. Ante a imposibilidade de xuntar nun mesmo espazo e mantendo a distancia de seguridade aos seus máis de 70 compoñentes, a agrupación decidiu modificar o formato deste festival que se viña celebrando dende hai xa 30 anos para seguir levando a música a cada recuncho do municipio rosaleiro.  

 Para conseguilo, a dirección decidiu formar grupos reducidos de músicos que durante os meses posteriores ao levantamento do estado de alarma ensaiaron diferentes repertorios. Neste sentido, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, destacou “a capacidade de innovación e adaptación da agrupación para seguir facendo do Rosal un pobo cultural e musicalmente activo”. Nacen así 6 ensembles instrumentais que toman o seu nome homenaxeando a personaxes senlleiras na historia da Agrupación Musical, como Pepe Flores, José Vicente Simeó, Nani Matos ou Emilio Rodríguez. A estes grupos hai que sumar o grupo de cámara formado polo alumnado máis novo da escola de música e o grupo de clarinetes ‘Klason’, de longo percorrido na Agrupación. O director  da Banda da Agrupación Musical, Javier Alonso, destacou a importancia desta acción formativa. “Queremos traballar tamén cos rapaces da escola e dedicámoslles un día da programación, no que farán un concerto o día 20”, afirmou.  

 Así, a Agrupación programa un ciclo de dez concertos repartidos polas distintas parroquias do concello, cos que levar a súa música á veciñanza rosaleira mantendo sempre as medidas de seguridade ás que obriga a actual situación sanitaria. O concelleiro de cultura, Carlos Villanueva, sinalou as cousas positivas que o novo formato pode deixar, sinalando que lle gustaría que “o formato dos ensembles non morrese ao volver á normalidade, senón que servisen para darlle unha nova vitalidade á agrupación”. Pola súa parte o presidente da Agrupación Musical, Andrés García, anunciou que teñen pensado facer unha campaña de captación de socios “aproveitando que percorrer moitos barrios aos que levabamos tempo sen ir, o que é unha oportunidade para darse a coñecer”.  

 Os concertos concéntranse na segunda e terceira semana de agosto, comezando o martes 11 no campo de balonmán de Novás e rematando o sábado 22 cun concerto na Praza do Calvario, conmemorando así o día no que se tería celebrado o Festival de Músicos Xoves.  

PROGRAMACIÓN DE VERÁN DA AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL  

11 DE AGOSTO: NOVÁS (CAMPO DE BALONMÁN)
21:00 BRASS BAND   “José Vicente Simeó”  

12 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)                  
21:00 Quinteto de metáis “Alfonso Ulloa”  

13 DE AGOSTO: SAN XIÁN (TORREIRO)                  
21:00. Grupo de saxos “Emilio Rodríguez”   

14 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)                  
21:00  Ensemble de ventos “Nani Matos”  

15 DE AGOSTO: O CALVARIO (PRAZA)                  
21:00 Ensemble de madeira “Pepe Flores”  

16 DE AGOSTO: SAN MIGUEL (ALAMEDA)      
22:00 Grupo de saxos “Emilio Rodríguez”
Grupo de clarinetes Klason  

18 DE AGOSTO: FORNELOS (ADEGA LAGAR DE CERVERA)                  
21:00 Ensemble de madeira “Pepe Flores  

20 DE AGOSTO: TABAGÓN (PRAZA DO MAIO)
21:00  Cámara da escola  

21 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)            
21:00  DEXTRUM ENSEMBLE. Cuarteto de saxofóns  

22 DE AGOSTO: O CALVARIO (PRAZA)                  
22:00 BRASS BAND  “José Vicente Simeó”

Ningún comentario:

Publicar un comentario