7 de ago. de 2020

LABORAL

A CIG presenta unha denuncia penal contra o Concello de Vigo por non retirar o decreto que “escraviza” os bombeiros  

Por presuntos delitos de prevaricación activa e omisiva e contra a saúde laboral e os dereitos dos traballadores/as  

Os delegados da CIG no servizo de Bombeiros/as de Vigo presentaron hoxe unha denuncia penal contra o Concello

 Foto: CIG

 Infogauda / Vigo

 Os delegados da CIG no servizo de Bombeiros/as de Vigo presentaron hoxe unha denuncia penal contra o Concello por non retirar o decreto que os “escraviza”, obrigándoos a traballar nos días de descanso, motivo polo que o colectivo leva case un ano en folga indefinida. A acción xudicial  baséase nos presuntos delitos de prevaricación activa, prevaricación omisiva, delito contra a saúde laboral e delito contra os dereitos colectivos laborais, todos eles recoñecidos polas normas estatutarias da función pública.  

  O conflito laboral entre os bombeiros/as de Vigo e o Goberno local subiu hoxe un importante chanzo coa formalización da denuncia no Xulgado do Penal número 1 por parte dos delegados da CIG Miguel Uclés e Fernando Solveira, que posteriormente compareceron en rolda de prensa xunto ao comité de folga para explicar a decisión. “Unha vez que os tribunais do contencioso administrativo aos que acudimos para que anularan o decreto nos deron a razón, vémonos na obriga de esixir que se depuren responsabilidades penais entre os autores desta actuación ilegal”.  

 

 Neste senso, lembran que a día de hoxe existen catro sentenzas xudiciais que declararon a súa nulidade de pleno dereito por infrinxir todas as normas substantivas e procedimentais de obrigado cumprimento nunha medida destas características. Hoxe mesmo remataba o prazo de presentación do recurso de casación ante o Tribunal Supremo por parte do Concello contra a anulación do decreto, unha vez que o TSXG desestimou días atrás o anterior recurso. Con todo, os responsábeis municipais aínda están a tempo de facer alegacións e de seguir dilatando o proceso.  

  Incidiron en que a decisión de presentar a denuncia penal obedece á “contumacia” do Goberno municipal por infrinxir ás leis, “a sabendas da ilegalidade que estaban a cometer dende o primeiro momento, e que mantiveron no tempo de maneira inxusta, durante ano e medio, a pesar de ser plenamente conscientes dos prexuízos e os riscos psicofísicos que lle causan ao noso colectivo coa imposición dun réxime inhumano de reforzos e de suspensión dos descansos regulamentarios que legalmente temos recoñecidos”.   

 Neste senso, lembraron que o propio servizo de prevención de riscos laborais do Concello advertira un ano antes de que se adoptara “esta medida ilegal”, dos riscos para a saúde laboral que ían asociados aos excesos de xornada. 

 “Pero as autoridades municipais decidiron, non obstante, impoñer por puro voluntarismo esta medida, sen sustento legal de ningunha orde, simplemente como represalia ás lexítimas reclamacións que levabamos facendo os representantes legais dos traballadores/as do servizo dende hai anos esixindo máis persoal”.   

 Finalmente, indicaron que agora é o momento de que se depuren responsabilidades e que os causantes desta actuación respondan ante os órganos da xurisdición penal, “xa que levan anos actuando de forma prepotente e soberbia instalados nunha posición de total impunidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario