27 de ago. de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia destina 15M€ a impulsar proxectos estratéxicos para implantar a Fábrica Intelixente en Galicia  

A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca a cuarta edición deste programa, que prevé mobilizar 49 millóns de euros



Infogauda / Galicia

 A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria da cuarta edición do programa Fábrica Intelixente e Sostible. Esta liña de axudas está dotada con 15 millóns de euros cofinanciados a través de fondos Feder dentro do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 e prevé mobilizar un total de 49 millóns de euros. A iniciativa apoia proxectos estratéxicos de investigación, desenvolvemento e innovación en materia de procesos ou organización de empresas industriais con centro de traballo en Galicia. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 28 de setembro.

 Os proxectos, que poderán ser individuais ou en colaboración entre empresas ou con organismos de investigación galegos, deben ter unha duración mínima de tres anualidades, ser desenvolvidos en Galicia, facer un uso intensivo de tecnoloxías facilitadoras para obter produtos e procesos de alto valor engadido, en liña coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, e contar cun efecto tractor e incentivador do investimento público sobre os sectores estratéxicos galegos.

 Así mesmo, en coherencia co Pacto Verde Europeo, búscase impulsar o desenvolvemento de proxectos que permitan ás empresas avanzar nos seus compromisos medioambientais e enfocar a súa actividade cara a unha forma de producir máis eficiente baseada no emprego de tecnoloxías limpas. A intensidade da axuda oscilará entre un 15 e un 80% segundo o tipo de proxecto e empresa.

 Entre as principais novidades desta edición atópase o aumento das contías dos proxectos, que poderán ser de entre 2 e 30 millóns de euros; o fomento da colaboración efectiva tanto entre grandes empresas con pemes como entre empresas e organismos de investigación; e inclúense nos criterios de valoración a consonancia co Pacto Verde e cos principios da innovación responsable.

 Fábrica Intelixente e Sostible está aliñado co reto 2 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, orientado a acadar un novo modelo industrial para Galicia baseado na innovación como ferramenta de competitividade e cos principais obxectivos da Axenda da Industria 4.0. Desde a súa posta en marcha en 2016, xa se concederon preto de 52 millóns de euros a 15 proxectos de 26 empresas e 4 centros tecnolóxicos que mobilizaron 218 millóns de euros en sectores como a automoción, as TIC, o naval, o alimentario, o forestal e a lousa.

 Esta liña de axudas enmárcase no Plan de reactivación económica da Xunta de Galicia, que aposta pola I+D+i e por un novo modelo industrial como fórmulas para recuperar a actividade do tecido empresarial galego, fixar tecido industrial, gañar competitividade e crear postos de traballo de calidade, así como facer de Galicia un lugar atractivo para investir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario