O Centro de Investigacións Mariñas iniciou unha investigación destinada a este fin para as anualidades 2020, 2021 e 2022 e a ela o Executivo galego destina un total de máis de 174.000 euros
Infogauda / Galicia
O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, iniciou recentemente un estudo sobre a explotación de macroalgas de interese comercial en Galicia co obxectivo de impulsar unha xestión sustentable que permita manter o estado de conservación destes recursos e avanzar no seu cultivo. O desenvolvemento desta acción abarca as anualidades 2020, 2021 e 2022 e a ela o Executivo galego destina un total de máis de 174.000 euros.
A acción Bases biolóxicas para a explotación sostible de poboacións de macroalgas mariñas de interese comercial en Galicia – ALGA busca coñecer polo miúdo a realidade da explotación destes organismos en Galicia e a súa evolución para propoñer un modelo de xestión axeitado á realidade destes recursos.
Para iso, na avaliación da explotación destes recursos prevese empregar novas tecnoloxías como drons aéreos e submariños que poderán ser complementados con análises de imaxes de satélite para obter información sobre a situación dos bancos de macroalgas sen necesidade de desprazarse ás localidades de seguimento.
O estudo tamén ten entre os seus fins a recompilación de información dos plans de explotación das confrarías de pescadores e as empresas que se dedican a explotación de macroalgas. Uns plans que se encadran na Directiva marco sobre estratexia mariña e que deben incluír obxectivos biolóxicos, ecolóxicos, económicos e sociais a tres anos, niveis de referencia e indicadores para o seu seguimento coa finalidade de que permitan avaliar a consecución deses obxectivos de forma sinxela. Deste xeito, a acción pretende caracterizar a bioloxía destas especies e os requirimentos para o seu cultivo e contribuirá a mellorar a súa xestión.
Con estas finalidades, durante a investigación realizaranse estudos en laboratorio e experiencias de cultivo. Os investigadores tamén procesarán a información dos plans de explotación das entidades que cultivan macroalgas e estudarán as características biolóxicas e ecolóxicas das macroalgas obxecto de estudo. A información obtida empregarase para elaborar unha guía de boas prácticas para a explotación das macroalgas.
Todo este labor permitirá mellorar os históricos de datos de recollida de algas en Galicia que hai desde os anos 90 e un coñecemento máis amplo da evolución da explotación das macroalgas e as tendencias neste eido. Con este traballo tamén se busca coñecer as condicións óptimas de cultivo e as metodoloxías máis axeitadas para a obtención e engorde destes recursos no mar. Os obxectivos destes traballos son analizar aqueles aspectos da explotación nos que se debe mellorar para facela máis sustentable e rendible e indagar en novas liñas de cultivo de especies polo de agora non exploradas e que teñen demanda na sociedade para o consumo como alimento.
Pacto verde
Esta investigación baséase no que establece o Pacto Verde Europeo proposto pola Comisión Europea en decembro de 2019 e que inclúe unha folla de ruta con accións para impulsar un uso eficiente dos recursos mediante o paso a unha economía limpa e circular, restaurar a biodiversidade e reducir a contaminación.
Neste marco a Unión Europea pretende
presentar unha estratexia sobre a biodiversidade para protexela e neste
obxectivo as algas, como parte do ecosistema, desempeñan un papel
esencial e o seu bo estado biolóxico e ecolóxico implicará unha mellora
do estado ambiental do medio mariño. Ademais, dentro dos obxectivos do
Pacto Verde, a Unión Europea considera as algas como unha fonte de
proteína que deben ser aproveitadas en toda a súa potencialidade, dentro
de criterios de sustentabilidade. De aí que a acción de investigación
de macroalgas do CIMA busque tamén adaptar a explotación ás novas
directivas ambientais (Directiva marco da auga e Directiva marco sobre a
estratexia mariña) así como aos obxectivos do Pacto Verde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario