13 de xul. de 2020

TUI

O BNG de Tui agradece a confianza da sociedade tudense 

Que os catapulta ata a segunda forza no concello

Con todo lamenta a continuidade do Partido Popular no goberno da Xunta

Carme Núñez e Xosé Martínez Tato, concelleiros do BNG no Concello de Tui

Infogauda / Tui  

 Na dia de onte os nacionalistas consolídanse como segunda forza en Tui, logrando os 25,6% dos votos. "Agradecemos a confianza da sociedade tudense, no noso proxecto, nas nosas persoas, e nas nosas ideas para mudar este País. A todas as non se resignaron e colleron con dignidade a papeleta do BNG, non vos fallaremos. Seguiremos dando batalla ata converter Galiza nun país no que vivir con dignidade, con vós, conseguirémolo", afirma Carme Núñez, portavoz municipal do BNG de Tui.    

 Chaman ademais a canalizar esta forza e apoio social do BNG a lograr un cambio no concello de Tui. “Ser segunda forza significa moito, temos que ser valentes e dar tamén un cambio nun concello no que tanto o Partido Popular como o PSOE carecen de proxectos serios. A alternativa é clara e está no BNG, só cun goberno liderado polo nacionalismo galego poderemos mudar as cousas.”    

 Con todo, lamentan a continuidade outros 4 anos de goberno de Feijóo e do Partido Popular, algo que indican, "é a peor noticia para a sociedade galega". "Catro anos máis de desmantelamento dos nosos sectores produtivos, de ataque ao ensino e sanidade públicas, de ataques á clase traballadora, e emigración e precariedade para a mocidade, non son unha boa noticia". Tamén critican a organización e a imposición criterios políticos e non sanitarios na organización da xornada electoral. A voceira indica: "Partíamos da base de que eran unhas eleccións que se celebran nun contexto realmente complexo. Feijóo antepuxo o manterse no goberno á saúde das persoas, unha vez máis. O BNG xa o indicou no seu momento."    

 Finalmente Carme Núñez chama a continuar traballando durante estes 4 anos. "Nós non paramos, desde xa estamos traballando para mellorar a vida das traballadoras, para cambiar a sociedade. Creemos que iso pasa por reforzar o BNG, nutrilo de máis militancia e que sexa unha ferramenta aínda máis forte que logre tombar a Feijóo e traer os cambios que a sociedade galega tanto precisa." Carme Núñez remata cunha mensaxe para a sociedade civil: "Precisámosvos."    

Ningún comentario:

Publicar un comentario