15 de xul. de 2020

TOMIÑO

A Praza do Seixo concentra a actividade cultural  do verán en Tomiño  

· Este venres, 17 de xullo, haberá cinema ao aire libre coa proxección de “El Parque Mágico”. Na Praza do Seixo ás dez e media da noite (22.30h)  

· A OMIX Tomiño, pola súa banda, organiza dous obradoiros, orientados a mozas e mozos do municipio   



Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño, tras redeseñar a programación cultural de verán por mor do Coronavirus, arrancou a súa axenda o pasado día 3 de xullo co concerto do grupo “De Vacas”. 

 As actividades continúan este venres, 17 de xullo, con cinema ao aire libre na praza do Seixo e a proxección de “El Parque Mágico”, ás dez e media da noite (22.30h).  

 O venres seguinte, 31 de xullo á mesma hora e lugar, nova sesión de cine familiar, con “El regreso de Mary Poppins”.  

 Xa en agosto, o sábado 8, ás 21 horas, o público infantil poderá gozar co pallaso Peter Punk, no espectáculo “Punkdemia”, o novo espectáculo da compañía Peter Punk Pallaso, pensado e creado para todas as normalidades. Un espectáculo viral e divertido adaptado a todas as medidas de seguridade e hixiene recomendadas polas autoridades sanitarias.  

 O venres 14 ás 22.30h, concerto de Brassica Rapa, un grupo de ventos e percusión formado integramente por rapazas, que ten como finalidade a visibilización da muller no mundo do espectáculo, a través dun repertorio variado de diferentes estilos que van dende grandes éxitos do pop a bandas sonoras de películas ou cancións reivindicativas.  

 O sábado 22, chegarán os Monicreques con música, na obra “Acuario” (21.00h). Baseado no libro de poemas de María Canosa, esta obra ten coma propósito que a xente miúda, se achegue á poesía en lingua galega, á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral. Acuario é un conxunto de versos doados e musicais que en ningún momento esquecen o seu propósito didáctico: amosar a maxia do noso patrimonio lingüístico e mariño.  

 E pechando a programación, o venres 28 de agosto, a Agrupación Musical de Goián, ofrecerá un concerto, ás 22.30 horas.  

 Todos os espectáculos serán na Praza do Seixo, gardando as distancias e demais medidas de seguridade para previr contaxios.  

 IMPORTANTE: aínda que todas as actividades son gratuítas para o público, será necesario reservar a entrada, chamando de luns a venres en horario de mañá ao Concello (986 622 001).  

 IMPORTANTE: todas as actividades culturais son de balde pero é necesario reservar entrada chamando previamente ao 986 622 001 (máximo 5 lugares por persoa).   

Obradoiros  

 A OMIX Tomiño, pola súa banda, organiza dous obradoiros, orientados a mozas e mozos do municipio:  

OBRADOIRO SILVESTRE DE PRENSADO DE FLORES (6 horas) 

 Neste obradoiro realizarase un paseo no exterior, recolectando flores e prantas da nosa contorna, e aprenderase todo o proceso de secado das flores cunha prensa de madeira que se ensinará a construír. Traballarase tamén na selección e composición das flores para crear o propio mini xardín nun bastidor. É unha moi boa ocasión para traballar a mirada e a creatividade mentres se goza dunha actividade ao aire libre. Datas de realización: xoves 16 e 23 de xullo, de 10 a 13h  

CURSO DE FOTOGRAFÍA (8 horas) 

 O curso de fotografía estará baseado na iniciación á fotografía, onde se aprenderá a utilizar a cámara en modo manual para sacarlle o máximo partido e realizar as mellores fotografías. Todas as clases serán no exterior para que o alumnado practique coa cámara en todo momento.  

 Datas de realización: luns 27 e mércores 29 de xullo, e luns 3 e mércores 5 de agosto, respectivamente, de 10 a 12h.  

 As inscricións deben facerse na web municipal (www.tomino.gal) e pódese solicitar máis información no whatsapp 604 062 369 ou nos correos electrónicos omix@tomino.gal e educacion@tomino.gal

 Toda a programación que se ofrece cumpre cos requisitos necesarios para garantir a seguridade, protexer a saúde e minimizar o risco de contaxios.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario