29 de xul. de 2020

PESCA

A Xunta de Galicia pide ao Estado que rectifique e retire da Lei de cambio climático o artigo que pon en risco a máis dun cento de empresas da cadea mar-industria de Galicia


O Executivo galego lembra que o Goberno central incorporou o cambio normativo pola porta de atrás, en plena alerta sanitaria, sen diálogo previo co sector e cando xa está a aplicar a normativa en vigor de xeito hiperrestritivo

A titular de Mar en funcións subliña que a Administración galega e o sector non van deixar de denunciar unha modificación lexislativa que é moi prexudicial para a comunidade pois pode provocar a desaparición de moitas empresas

Galicia considera incomprensible esta medida coincidindo coa crise polo coronavirus e ante a imposibilidade de que algunhas actividades asentadas en terreos de dominio público marítimo-terrestre poidan ser viables noutras zonas


Rosa Quintana urxiu unha rectificación do Executivo central e defendeu a importancia do sector do mar para Galicia durante a súa visita á empresa Viveiros Manuel Vicente Lomba  
Foto: X.G.


Infogauda / A Guarda

  A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, lamentou hoxe que o Goberno do Estado aínda non respondese ás demandas de Galicia sobre a retirada do artigo 18 do proxecto de Lei de Cambio Climático e pediu axilidade e claridade ao Executivo central sobre unha cuestión que pon en risco o futuro de máis dun cento de empresas e milleiros de edificacións que se atopan próximas ao mar. A representante da Xunta incidiu en que a Administración galega e o sector non van deixar de denunciar unha modificación normativa que é moi prexudicial para a cadea mar-industria de Galicia e que pode provocar a desaparición de moitas empresas.

 A titular de Mar en funcións lembrou que o Goberno central incluíu no seu proxecto de Lei de Cambio Climático un artigo que reduce a duración das concesións no dominio público marítimo-terrestre, polo que dificulta a continuidade de empresas que se asentan neste tipo de terreos, e subliñou que ese cambio normativo se incorporou “pola porta de atrás” en plena alerta sanitaria polo coronavirus, sen diálogo previo co sector e nun momento no que o Estado xa está a aplicar de xeito hiperrestritivo a normativa en vigor.

 Por iso, Rosa Quintana urxiu unha rectificación do Executivo central e defendeu a importancia do sector do mar para Galicia durante a súa visita á empresa Viveiros Manuel Vicente Lomba, onde salientou que a comunidade conta con empresas do mar grandes e pequenas, pero todas fundamentais porque delas viven milleiros de familias. Neste sentido, subliñou a necesidade de traballar para que ás dificultades derivadas da crise do coronavirus non se sumen os provocados por esta reforma lexislativa, que pode xerar inseguridade xurídica e problemas de futuro a empresas próximas ao mar coma esta da Guarda, sobre as que o Estado xa manifestou a súa intención de sacalas da primeira liña de costa.

 A conselleira do Mar en funcións asegurou que se trata dunha decisión incomprensible en plena crise do coronavirus e lamentou que xa hai máis dun ano que a Administración central está a buscar o xeito de aprobar unha medida que o complexo mar-industria de Galicia rexeita dado que moitas das actividades asentadas en terreos de dominio público marítimo-terrestre non poden trasladarse a outras zonas máis interiores posto que serían inviables.

 Co obxectivo de evitar eses danos ao sector, o Executivo galego demanda unha normativa que teña en conta a viabilidade e sustentabilidade das industrias relacionadas co mar, que aporte seguridade xurídica á industria e que estableza un escenario claro e preciso co que as empresas poidan desenvolver a súa actividade con total normalidade.

Crise do coronavirus

 A representante do Executivo galego tamén quixo agradecer tanto aos responsables da empresa Viveiros Manuel Vicente Lomba como ao conxunto do sector a súa entrega durante a crise do coronavirus para cumprir co seu papel de actividade esencial para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía. De feito, esta empresa familiar incrementou as súas compras en lonxa no primeiro semestre do ano a pesar de que o peche da canle Horeca durante o estado de alarma polo coronavirus limitou as saídas comerciais dos seus produtos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario