29 de xul. de 2020

O ROSAL

O Concello do Rosal reformará integramente o seu mercado para convertelo nun espazo vivo e con futuro  

· A renovación terá un custe de máis de 207.000€ que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, de Agader e de financiamento propio  

· O mercado contará con carnicería, peixaría, dúas froiterías e novos espazos para a venda e promoción de produtos locais   

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández - a esquerda da imaxe -, presentou este martes á veciñanza o proxecto de renovación da praza de abastos
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal iniciará este ano a reforma íntegra do seu mercado para convertelo nun espazo vivo e con futuro co que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, presentou este martes á veciñanza o proxecto de renovación da praza de abastos, que na primeira fase terá un custe de máis de 207.000 euros financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e financiamento propio.  

 “Este novo proxecto, enmarcado no plan de desenvolvemento local, é unha aposta do Concello polo comercio de proximidade e pola concepción do mercado como un punto de dinamización económica e social do núcleo urbano. Queremos que o Mercado se converta nun polo de atracción para novas persoas emprendedoras, para o comercio local e para a propia veciñanza”, explicou a rexedora. 

 As obras desta primeira fase incluirán a reforma do actual edificio do mercado, construído en 1954. A renovación exterior consistirá na reparación de deficiencias e de elementos deteriorados na cuberta, mentres que no interior farase unha reforma xeral para dar unha nova vida ao mercado, reciclar o seu interior e adaptado ás necesidades actuais, humanizando o espazo, facéndoo máis confortable e atractivo tanto para os comerciantes que vexan nel un recinto de oportunidade como para as persoas usuarias. 

 O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita, horta e flores e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e despacho de pan. Tamén se engadirán novos espazos para venda e promoción de produtos locais. 

 Esta reforma íntegra do mercado non se limitará a unha mellora arquitectónica do edificio, senón que irá acompañada dun traballo de formación e apoio aos actuais praceiros e praceiras para adaptarse ás novas demandas dos clientes. Buscarase ademais un cambio de concepción do mercado para transformalo en punto de encontro da poboación e de distribución dos produtos de calidade e da zona pero tamén nun lugar no que teñan cabida actividades como degustacións, formación gastronómica e actividades culturais e sociais.  

Proceso participativo 

 Para a reforma da praza de abastos a empresa Rural Consulting elaborou un Plan de usos a través dun proceso participativo no que se realizaron diferentes entrevistas e xuntanzas con praceiros e praceiras, produtores, comerciantes e persoas usuarias do mercado. Danse así os primeiros pasos para converter a praza nun mercado de excelencia, un selo posto en marcha pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia que busca a modernización dos mercados galegos e identifica a todas aquelas prazas de abastos capaces de responder aos retos de modernización e innovación sen perder autenticidade e tradición, a proximidade á veciñanza e o trato personalizado.  

 Chao Quintana, de Rural Consulting, expuxo á veciñanza un resumo do deseño realizado para a renovación do mercado a partir das necesidades detectadas na actual praza de abastos e das suxestións recollidas nas diferentes entrevistas e xuntanzas. Cada vez son máis as persoas que buscan unha alimentación saudable, natural, próxima, sostible e fácil de consumir e, segundo esta experta, os mercados municipais deben aproveitar estas novas tendencias e convertelas en oportunidades de negocio, ofrecendo calidade e proximidade, dúas das razóns que a clientela valora máis á hora de decidirse por este tipo de establecementos. “A situación central do edificio, a súa arquitectura e a identidade do Rosal como territorio de produción e transformación agroalimentaria fan da praza de abastos unha candidata ideal para converterse nun escaparate dos produtos locais”, sinalou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario