O Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal presenta a súa exposición sobre os cuños turísticos na Feira do Viño
· Esta mostra virtual que pode visitarse na web da feira, feiradoviño.gal, busca manter a continuidade das actividades tan representativas no mundo filatélico e vinícola coas que cada ano participan
· O artigo da exposición foi realizado por Alfonso Dorado Senra e Marta Verde Rodríguez
O cuño turístico do Rosal está a disposición na Oficina de Correos para calquera que desexe levar o nome de O Rosal nos seus envíos
Infogauda / O Rosal
O Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal colabora na XXVIII Feira do Viño cunha das súas tradicionais exposicións, unha mostra que nesta ocasión é totalmente virtual coa que se busca non perder o fío e manter a continuidade das actividades que o grupo realiza cada edición, tan representativas no mundo filatélico e vinícola. A mostra pode verse na web da feira.
Nesta ocasión o grupo trae da man de Alfonso Dorado e Marta Verde un percorrido polos cuños turísticos de Galicia, creados para difundir diferentes cidades polo mundo. Entre os cuños turísticos atópase o do Rosal, deseñado por Ángel Pérez Álvarez e solicitado a Correos polo Grupo Filatélico no que se aprecian varias imaxes da vila rosaleira como os Muíños do Folón e do Picón, a ponte do Tamuxe ou as uvas dos viños con D.O. subzona do Rosal.
A mostra compleméntase coas coleccións invitadas; "As flores do medu xardín", "Lorca e a súa contorna" e "Xadrez, brancas contra negras".
O Grupo Filatélico xa adiantou que a exposición do vindeiro ano estará dedicada ao Ano Santo Compostelano.
Concurso virtual
Continúa aberto o concurso ‘Viño-Experiencia’, un certame que busca recoller fotos e imaxes dos veciños e veciñas vivindo a experiencia de degustar un bo viño do Rosal. As persoas participantes deberán facer unha fotografía dun momento de desfrute destes viños e entrar na plataforma https://bit.ly/2ZbVTXz para subila. Tamén pode votar entre as fotos participantes e compartir a ligazón para que outras persoas participen na votación.
As fotos tamén poderán enviarse a través de correo electrónico a info@feiradoviño.gal poñendo no Asunto: Concurso ‘Viño-Experiencia’ e enviando nome e apelidos, teléfono de contacto e cidade. As imaxes gañadoras elixiranse por votación popular a través da mesma plataforma. A votación pecharase unha hora antes de anunciar as imaxes gañadoras.
Entregarase un primeiro premio consistente nun pack cunha selección de 9 botellas de viño do Rosal e unha experiencia de enoturismo para dúas persoas a elixir entre adegas sinaladas e dous segundos premios consistentes un pack con 9 botellas de viño para cada un, unha de cada unha das adegas participantes na Feira do Rosal.
Tenda en liña
Mercar os viños do Rosal é algo tradicional dentro da Feira do Viño, unha experiencia que quixo manterse nesta edición tan especial coa posta en marcha dunha tenda en liña na que o público poderá comprar aos mellores prezos os viños con D.O. Rías Baixas subzona O Rosal das adegas Aforado, Aldea de Abaixo, Altos de Torona, Lagar de Cervera, Pedregales, Quinta Couselo, Santiago Ruiz, Terras Gauda e Valmiñor.
Tan sinxelo como entrar en feiradoviño.gal/tenda, escoller os viños preferidos e mercalos para recibilos na casa nos vindeiros días. Os gastos de envío serán gratuítos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario