13 de xul. de 2020

LABORAL

A CIG convoca concentracións en rexeitamento ao acordo que prorroga os ERTE sen garantir os ingresos e os empregos 

· As protestas realizaranse o mércores 15 en todas as comarcas, coincidindo coa convalidación no Congreso do Real Decreto-Lei 24/2020 

Infogauda / Santiago de Compostela

 A CIG concentrarase en todas en as comarcas este mércores 15 de xullo, en rexeitamento ao segundo acordo asinado polo Goberno español, a patronal, CCOO e UGT para o prórroga dos ERTE, coincidindo coa convalidación no Congreso do Real Decreto-Lei 24/2020, de 26 de xuño. Para a central nacionalista, "prorrogar os ERTE nas condicións pactadas nese acordo supón afondar no abuso patronal e un enorme prexuízo para o conxunto dos traballadores e das traballadoras, cando estamos en plena crise social e económica". 

HORAS E LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS 

- A Coruña, ás 11:30 horas, na Delegación do Goberno (Praza de Ourense, s/n). 
- Ferrol, 11:30 horas, Edificio da Xunta de Galiza (Praza de Amada García). 
- Lugo, 11:30 horas, na Subdelegación do Goberno (r/ Armanyá, 12) 
- Ourense, 11:00 horas, Subdelegación do Goberno (Parque de San Lázaro) 
- Pontevedra, 11:00 horas, na Subdelegación do Goberno (Praza de España, 1) 
- Santiago, 11 horas, na Praza de Galiza. 
- Vigo, 11:00 horas, na dirección provincial do SEPE (r/Cánovas del Castillo, 18). Nesta concentración participará o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.  

Un pacto social que non resolve os graves problemas de Galiza 

 A CIG advirte que estamos ante un novo episodio do diálogo social a través do que se vai consumando unha reedición dos Pactos das Moncloa, desta volta ao amparo da escusa da emerxencia sanitaria e que ten a súa expresión no chamado Acordo pola reactivación económica e o emprego, un compendio de xeneralidades nas que se incide iso si, na necesidade de afondar no diálogo social "que en cada ocasión que se manifesta con acordos deste tipo, implica facer recaer na clase traballadora os custes da crise". 

 O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que este pacto social non resolve os graves problemas sociais, económicos e industriais que padecemos en Galiza, senón mais ben ao contrario, "dificulta unha saída xusta e galega". Neste senso, Carril subliña que calquera medida para afrontar o crítico momento actual non pode manterse sobre a vixencia das políticas laborais e económicas aplicadas con dureza polo PP, nomeadamente a reforma laboral, das pensións e da negociación colectiva.  

 Por iso, a CIG considera lamentábel que UGT e CCOO contribúan a construír esta realidade nun momento económico e social tan duro, "no que as políticas neoliberais, a obsesiva recentralización e o abuso patronal campa as súas anchas, mentres a reforma laboral do PP segue vixente e sen perspectivas de ser derrogada". 

 A este respecto, denuncia que o  novo acordo amplíe a duración temporal do anterior, mantendo aqueles aspectos máis negativos, ampliando as exoneracións ás empresas e adoecendo de garantías de salvagarda do emprego. "É dicir, afonda na desprotección e na falta de solución para todos os traballadores temporais que foron despedidos dende o 14 de marzo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario