A Xunta de Galicia adapta o acordo de medidas preventivas para facer obrigatorio o uso de máscaras en todo momento
Feijóo explica que os cidadáns deberemos levar a máscara tanto ao aire libre como nos espazos pechados, sempre que se poida concorrer con outras persoas e aínda que se poida garantir a distancia de metro e medio
O presidente do Goberno galego en
funcións, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de Galicia de hoxe
Foto: X.G.
“Todos os expertos coinciden en que o uso xeneralizado de máscaras está a amosarse como unha das medidas máis eficaces para evitar a transmisión do virus”, sinala o presidente da Xunta en funcións
O Consello tamén autorizou unha nova adquisición de material para a loita contra a covid-19 que supera os 6 M€
Infogauda / Galicia
O presidente do Goberno galego en
funcións, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta
vén de adaptar o acordo de medidas preventivas para facer obrigatorio o
uso de máscaras en todo momento.
Deste xeito, explicou que os
cidadáns deberemos levar a máscara tanto ao aire libre como nos espazos
pechados, sempre que se poida concorrer con outras persoas e aínda que
se poida garantir a distancia de metro e medio.
As excepcións
serán: aquelas persoas que teñan problemas respiratorios; cando se trate
de persoas convivintes, tanto en espazos abertos como pechados; nas
praias e piscinas durante o baño ou cando se permaneza sen desprazarse;
nos establecementos de hostalería, no momento de consumir; e no caso de
exercicio ao aire libre, sempre que sexa individual.
“Todos os
expertos coinciden en que o uso xeneralizado de máscaras está a amosarse
como unha das medidas máis eficaces para evitar a transmisión do
virus”, recordou o titular da Xunta, subliñando que, con esta medida,
Galicia dá outro paso máis no eido da prevención.
Nova adquisición de material para a loita contra a covid-19: máis de 6 millóns de euros
Nesa loita contra a covid-19, Feijóo destacou a autorización da tramitación de emerxencia de varios novos expedientes de contratación, por valor de 6,3 millóns de euros, para subministrar material e equipamento aos hospitais do Sergas fronte á covid-19.
O primeiro dos expedientes
aprobados refírese á adquisición de equipos de protección individual por
valor de 3,2 millóns, entre os que destacan: preto de 4 millóns de
máscaras cirúrxicas; arredor de 20 millóns de luvas de exame de nitrilo e
vinilo; 130.000 máscaras FFP2/FFP3; 25.000 pantallas de protección
facial; 1.530.000 agullas hipodérmicas; e a adquisición de solución
desinfectante e dosificadores.
O segundo expediente autorizado
será para a contratación de diversos traballos e servizos na Área
sanitaria da Coruña e Cee, así como para o subministro de materiais e
produtos cun investimento total de máis de 2 millóns de euros.
Desta
cantidade, ao redor de 1,3 M€ destinaranse principalmente á
adquisición de kits de PCR, ademais de kits de detección de neumonía,
kits de detección de ácidos nucleicos e medios de transporte para os
virus.
O importe restante -algo máis de 740.000 euros- repartirase
entre cámaras de inhalación para administrar medicamentos, máscaras de
protección e máscaras cirúrxicas, termómetros dixitais e luvas de exame e
cirurxía, así como gafas de protección ocular e batas protectoras
estériles dun só uso.
No tocante ao terceiro expediente, que conta
cun presuposto de 914.536 euros, ten como obxectivo diversos servizos e
actuacións na área sanitaria coruñesa. Así, a maior parte deste
orzamento destinarase a tarefas de limpeza e desinfección en hospitais,
puntos de atención continuada e centros de saúde por 590.000 euros.
O
último dos expedientes atinxe á Área sanitaria de Ferrol e estará
destinado ao reforzo do servizo de limpeza no Complexo Hospitalario
Universitario de Ferrol, necesario para intensificar a desinfección no
centro a causa da pandemia da covid-19.
Ningún comentario:
Publicar un comentario