BALONMÁN
SUSPENDIDA A COPA GALICIA CORRESPONDENTE Á TEMPADA 2020/21
Infogauda / Vigo
Minutos despois das 23:00 horas de onte luns, 27 de xullo de 2020, recibimos na Redacción deste xornal dixital transfronteirizo o seguinte comunicado oficial emitido pola Federación Galega de Balonmán:
SUSPENSIÓN COPA GALICIA TEMPADA 20/21
Tras a reunión mantida no día de hoxe coa Secretaría Xeral Para o Deporte e coas diferentes federacións deportivas galegas, a raíz da delicada situación sanitaria que se está a vivir cos rebrotes da COVID-19 e das restricións ao deporte con contacto, a Comisión Delegada da Federación Galega de Balonmán decidiu:
• A cancelación da Copa Galicia 20/21 en todas as categorías (infantil, cadete, xuvenil e sénior), considerando a opción de poder trasladala no calendario 20/21 a outras datas.
• Manter os Play Off previos ao inicio das competicións da tempada 20/21 cos mesmos grupos que se ía disputar a Copa Galicia, cos cabezas de serie como organizadores de cada un dos sectores.
• Cambiar o formato dos Play Off das categorías xuvenís masculinas e femininas, pasando do formato de locatario/visitante, ao formato tipo sector na fin de semana do 25, 26 e 27 de setembro de 2020.
• Manter as datas de inicio das competicións sénior, deixando aberta a posibilidade de retrasar o seu comezo en función dos posibles cambios que poidan producirse na regulación vixente na semana do 10 ao 16 de agosto de 2020.
A celebración dos Play Off e o inicio das competicións da tempada 20/21, dependerán da evolución da pandemia sanitaria nas primeiras semanas de setembro e da regulación da volta á actividade en materia deportiva, por parte da Secretaría Xeral Para o Deporte.
A Federación Galega de Balonmán, a Secretaría Xeral Para o Deporte, e as diferentes federacións deportivas galegas, estamos a traballar para recuperar a actividade o antes posible, pero debemos ser cautos/as e respectar todas as medidas establecidas no protocolo federativo e na normativa autonómica vixente. Por este motivo, pedimos máxima responsabilidade a todos os clubs e a todos/as os/as federados/as: debemos protexer ao deporte e aos nosos/as deportistas.
O balonmán non parará e xa estamos a traballar en novas iniciativas que nos permitan seguir gozando do noso deporte.
A Comisión Delegada da Federación Galega de Balonmán
En Vigo a 27 de xullo de 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario