28 de xul. de 2020

LABORAL

O COMITÉ DE EMPRESA DE UNÍSONO VIGO DENUNCIARÁ "A RUÍN ACTUACIÓN DA EMPRESA"

Infogauda / Vigo

 O Comité de Empresa de Unísono Vigo convoca unha rolda de prensa para o mércores día 29 de xullo, ás 11:00 horas, no local da CIG (rúa Gregorio Espino, 47 entrechán - Vigo) "para denunciar a ruín actuación da empresa Unísono Soluciones de Negocio que se nega a devolver as cantidades detraídas dos salarios das traballadoras e traballadores que se sumaron á paralización da actividade nos centros de traballo aplicada polo comité en marzo, a causa da falta de medidas de seguridade tras confirmarse un contaxio positivo de coronavirus". 

 Desde a CIG indican: "Hai que lembrar que o comité paralizou a actividade laboral dende o 18 até o 25 de marzo, acolléndose ao establecido no artigo 21 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, ante o risco de contaxio masivo no centro de traballo. Cómpre subliñar que a pesar de que esta situación foi posta en coñecemento da autoridade laboral (naquela altura baixo responsabilidade da Consellaría de Sanidade) para que comprobase a situación na que estabamos as traballadoras e traballadores, a administración nunca chegou a visitar o centro de traballo para avaliar a situación sanitaria, deixando nun absoluto abandono e indefensión a todo o persoal.  

 Agora, a empresa pretende sacar proveito dunha situación de risco, negándose a devolver as cantidades detraídas nas nóminas a unha parte do persoal (de entre 200 e 300€) e obrigándolles a ir a xuízo, a pesar de existir unha resolución de Inspección de Traballo indicando que non pode haber descontos nos salarios por esta causa".

Ningún comentario:

Publicar un comentario