7 de xul. de 2020

CULTURA

O Museo de Pontevedra abre o prazo de inscrición para a edición 2020 de Novos Valores  

As persoas participantes optarán a catro bolsas de 7.500 euros para ampliar estudos artísticos



Infogauda / Pontevedra 
  O Museo de Pontevedra acaba de abrir o prazo de presentación de solicitudes para participar na edición 2020 do Certame de Artes Plásticas Novos Valores, que se estenderá ata o vindeiro día 24. O Boletín Oficial da provincia publica hoxe as bases da convocatoria, destinada a promocionar a formación de artistas noveis a través da concesión de catro bolsas dotadas de 7.500 € cada unha que teñen como obxectivo  que as e os gañadores amplíen os seus estudos artísticos.

  Poderán concorrer a este certame aquelas e aqueles artistas, naturais ou residentes en Galicia, que sexan maiores de 18 anos e menores de 35, con propostas adscritas ás modalidades de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras. As obras que acheguen deberán ser orixinais e inéditas, polo que non se admitirán as xa expostas nas anteriores edicións de Novos Valores ou noutras mostras, individuais ou colectivas, ou que participasen noutros concursos, feito que levaría automaticamente a súa exclusión.

  Ademais, só se aceptará unha obra por artista e o seu peso no poderá superar os 500 quilos nin os dous metros de dimensión como máximo. Pola súa banda, no apartado audiovisual admitiranse traballos unicamente en soporte CD ou DVD e o tempo de proxección non excederá os cinco minutos.

  Para garantir o anonimato da autoría de cada proxecto, haberá dúas fases no procedemento, de xeito que, nun primeiro momento levarase a cabo a presentación de solicitudes e, unha vez validadas, remitiranse as propostas. A inscrición farase preferiblemente por vía electrónica a través de https://sede.depo.gal, aínda que cabe tamén a posibilidade de entregar presencialmente por rexistro a solicitude empregando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. 

Exposición do 15 de outubro a 15 de novembro
  Unha vez revisados polo Museo de Pontevedra os proxectos seleccionados, xunto coa súa documentación técnica xustificativa, convocarase ao xurado que examinará, valorará e escollerá ata un máximo de 25 obras que formarán parte da exposición Novos Valores 2020, que estará aberta ao público no Sexto Edificio do 15 de outubro ao 15 de novembro.

  Na edición 2019 foron 110 as persoas que optaron ás catro bolsas, que recaeron en Mohamed El Amine Asselman, pola obra ‘Ordersound', Elena Matamoro Gómez de los Infantes, pola peza ‘La mirada que escucha', Rosa Pardal Aragunde, pola fotografía ‘Habitación nº A', e Alba Castillo Costa, pola escultura denominada ‘Maleza'.

Ningún comentario:

Publicar un comentario