9 de xul. de 2020

A GUARDA

A GUARDA CONMEMORARÁ ESTE SÁBADO, A FESTIVIDADE DE "SAN BIEITO DO VRÁN"      

• Numerosos devotos de toda a comarca acudirán o santuario de A Guarda

Retabro barroco coa imaxe de San Bieito  que se venera na igrexa do ex-mosteiro da Transfiguración do Señor, de A Guarda
Foto: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 Con misas que serán oficiadas ás 9:00, 10:00 e ás 11:00 (solemne), respectivamente, na igrexa que pertenceu o mosteiro bieito da Transfiguración do Señor, fundado en 1558 polos irmáns Ozores e Sotomayor e Mayor de Zúñiga, situado fronte a Chan de Conde - predio que foi dos Condes de Priegue -; a vila de A Guarda celebrará este sábado día 11 de xullo, a festividade de San Bieito “do vrán”. 

 O rematar cada unha das misas os fieis que así o desexen poderçan mercar a medalla-crucifixo de San Bieito abade, de orixen moi antergo. O deseño desa medalla foi fixado polo Papa Benedicto XIV. Dunha parte leva a imaxe de San Bieito que tén na mán unha cruz e na outra, unha cruz máis grande con varias letras. 

 No anverso leva a efixie do santo, coa cruz na mán dereita e a Regra na mán esquerda; a súa dereita unha copa de onde fuxe unha cobra (lembranza do viño enveleñado do que o santo salvouse miragosamente); a esquerda un corvo lévase o pan enveleñado. Por debaixo poden lerse as seguintes verbas: "EX S.M. CASINO MDCCCLXXX" (Do Sacro Monte Cassino 1880). A ambos os dous lados "CRUZ SANCTI PATRIS BENEDICTI" (Cruz do S. Pai Bieito). Ao redor da imaxe: "EIUS IN OBITU NOSTRO PRAESENTIA MUNIAMUR" (Que nos defenda na nosa morte coa súa presenza)".

 "A medalla de S. Bieito emprégase para tódalas necesidades espirituais e temporais, a condición que se use con esprito de fe. Esta medalla - que debe ser abenzoada por un sacerdote ou por un diácono - é eficaz contra as epidemias, os veleños, algunhas enfermedades especiais e contra os maleficios e as tentacions do demo", dixo a este cronista unha devota de San Bieito, que vén coidando desde fai anos o santuario.

 Ademáis de estar considerado o Patriarca do monacato occidental, fundador da Orde Bieita, e a vez, Padroeiro dos exorcistas; San Bieito conta na nosa localidadade con numerosos devotos de toda a comarca do Baixo Miño. Non en ván, A Guarda honra a San Bieito en dúas ocasions ó longo do ano. A primeira delas, o 21 de marzo, e coñécese popularmente como a festividade de "San Benitiño do inverno", e a segunda, tén lugar cada 11 de xullo e chámase "San Benitiño do vrán". 

 En ambas as dúas ocasións, os devotos ofrécenlle ó santo esmolas e numerosos exvotos de cera, representando diversos membros humanos, e incruso corpos completos, co fin de obter os numerosos beneficios que segundo a fe popular adoita conceder o popular santo, nado no ano 480 nos Montes Sabinos, preto de Roma.

 A San Bieito atribúenselle poderes curativos de diversas enfermidades, especialmente as espullas e males relacionados coa pel. A tradición dí que para elimina-las espullas hai que ter fe en San Bieito e apricar un pouco de aceite do lampadario do santo que se distribúe entre seus fieis.

LEMBRANZA DO MOSTEIRO DA TRANSFIGURACIÓN DO SEÑOR DE A GUARDA

 O mosteiro fúndase no ano 1558 polos irmáns Álvaro, García, María e Isabel Ozores Sotomayor, fillos de Vasco Ozores, Señor do pazo e terras de Teanes - ubicados no lugar de A Pedra Furada, na parroquia de Santa María de Oleiros (Salvaterra de Miño) - e de Ana Páez de Sotomayor. O mesmo ano inícianse as obras - nun terreo propiedade dos fundadores, no que tiñan casa propia con anterioridade - coa condición de que se someta á regra de San Benito e sexa feminino para procurar casa ás mulleres de familias nobres da zona que queiran entrar na  observancia.
  
Así era antigamente o conxunto - igrexa e mosteiro - das benedictinas, ao carón do barrio de pescadores de A Guarda
Foto: Arquivo Infogauda


 As obras, cuxo proxecto os fundadores puxeran oportunamente en coñecemento do bispo da diócese de Tui, Don Diego de Torquemada,  finalizan en 1561. Tras a aprobación inicial polo bispo de Tui, o Nuncio Papal en Portugal, Próspero Publícola de Santa Cruz, confirmou a súa validez en documento expedido en Pontevedra o día 7 de setembro de 1561, quedando así fundado o Mosteiro baixo a advocación da Transfiguración do Señor.  

 Outorgan prerrogativas ao mosteiro, especialmente as que permiten a mulleres, tanto nenas como anciás, a residir na casa sen obrigación de observar a regra mesmo sen os permisos da abadesa correspondente. Queren facilitar a educación das máis novas e o retiro das máis maiores.  

 Desta maneira créase un lugar especial no que destaca a obediencia á orde  ademas de servir de especial refuxio para as mulleres de posición da zona.   

 As primeiras señoras que tomaron o hábito neste convento foron: Dona Constanza, Dona Florencia e Dona Blanca Correa de Sotomayor, fillas de Dona María Ozores Sotomayor e sobriñas de Don Álvaro Ozores Sotomayor (ambos os fundadores deste mosteiro); cinco máis compoñen esta familia relixiosa: Dona Beatriz Pereira de Castro (que despois sería elexida abadesa), Dona Ana de Magallanes, Dona Leonor Bello, Dona Ana Teixeira e Dona María del Espírito Santo.

 Pasados os anos iniciais as monxas comezan a ter problemas económicos xa que dos catro irmáns fundadores só un, Álvaro Ozores Sotomayor, sacerdote que se retirou na súa casa da Guarda en 1567, mantivo a promesa de soportar os gastos do mosteiro.  



Fronstispicio da sepultura de D. Álvaro Ozores y Sotomayor, fundador e patrón do mosteiro benedictino de A Guarda. Está no presbiterio da igrexa de San Bieito, presidido polas armas de Ozores y Sotomayor, e leva na parte inferior o seguinte epitafio: AQUI / ESTA SEPUL / TADO ALVARO OZORES / E SOTOMAYOR FUNDADOR I PA / TRON DESTE MONESTERIO FA / LLESCIO A 5 DE OCTUBRE DE 1.594
Foto: Infogauda

 A comunidade benedictina pasou por outros momentos difíciles. En 1589 tiveron que abandonar o mosteiro ante a ameaza de invasión do corsario, comerciante de escravos e vicealmirante inglés Francis Drake, un verdadeiro depredador e maltratador, que incursionaba polas vilas das costas galegas arrasando con todo canto de valor había. Xa en 1808 a invasión das tropas francesas durante a Guerra de Independencia obrigou ás monxas para vestirse de seglares e refuxiarse en casas particulares do pobo. Neste caso tanto o mosteiro como a igrexa sufriron danos ademais da profanación.  

 Finalmente, en 1837, a comunidade sufriu os efectos da aplicación da Real Orden de Exclaustración Eclesiástica, coñecida como Desamortización de Mendizábal. Partes da leira do mosteiro saíron a poxa pública en 1839 e 1840. Non houbo licitadores en dúas ocasións e ao quen finalmente se fixo coa leira os propios veciños impedíronlle pechar o solar para construír unha residencia privada.  

 O xa convento, continuou sendo ocupado polas monxas benedictinas ata 1878 cando o alcalde da Guarda esixiu o edificio para usos civís obrigando ás relixiosas para instalarse nun convento de dominicas en Baiona.  

 As funcións que asumiu o edificio foron as de  hospitalillo, sobre todo durante unha epidemia de peste que afectou o pobo, e pouco tempo despois a de escola infantil. Para organizar a escola chegaron a demolerse algunhas zonas do convento como a maior parte das celas e acondicionouse o espazo para albergar a residencia dos mestres e as súas familias.  


Gravado do bispo Juan María Valero y Nacarino, publicado o 14 de novembro de 1878, no nº 18 da revista La Ilustración Católica, que ademáis de en España, vendíase en Cuba, Puerto Rico, Filipinas,...


 En 1881 o bispo de  Tui (desde o 1 de decembro de 1876 ata 15 de abril de 1882), Juan María  Valero y Nacarino, negociou a devolución do convento ás súas antigas propietarias. A cambio de ceder un terreo no que instalar a escola, o concello comprometeuse a devolver o edificio ás relixiosas. Volveron o 19 de decembro dese mesmo ano.  

 As monxas residirían no convento ata marzo de 1984. Previamente a ese momento a orde decidira vender o edificio e instalar ás monxas que o ocupaban nun novo inmoble, cun mantemento máis asumible para á comunidade benedictina, na parroquia de San Vicente de Trasmañó (Redondela).

 En 1990 inaugúrase o Hotel Monumento Convento de San Benito, ubicado nas centenarias dependencias do antigo mosteiro de benedictinas de A Guarda onde en diferentes ocasións estivo hospedado o Padre Salvado (Frei Rosendo Salvado y Rotea) - ilustre tudense, de ascendencia guardesa por parte de nai - pertencente a orde benedictina.

 A igrexa - que desde antes de irse ás monxas para San Vicente de Trasmañó carece do artístico retablo dourado que tivera -, foi adquirida pola parroquia de Santa María da Asunción de A Guarda, e continúa aberta ao culto nos horarios de costume. O resto do día permanece pechada debido a unha repudiable incidencia acontecida antes de ser decrarado en España o estado de alarma por causa do coronavirus SARS-Cov-2.

Ningún comentario:

Publicar un comentario