7 de xul. de 2020

A GUARDA

O Concello de A Guarda promove o consumo local 

· Dende o Concello púxose en marcha a comezos de xuño a plataforma de comercio electrónico www.mercanaguarda.com




Infogauda / A Guarda 

 O Concello de A Guarda, a través da Concellería de Desenvolvemento Local, que dirixe Fátima Rodríguez Marcos, ven de lanzar unha campaña de dinamización do tecido comercial e hostaleiro da vila de cara a fomentar entre a poboación o consumo local e incentivar as vendas nestes sectores económicos, tan importantes para a vida diaria da nosa vila.

 A través dunhas infografías, que se publican nas redes sociais do Concello (Facebook, Instagram e Twitter), se pretende pór de manifesto que o consumo local favorece a toda a poboación e trátase dun círculo de suma importancia no que cada un de nós ten un papel fundamental, destacando ademais as vantaxes de consumir en local, como o trato personalizado, produto fresco e diferenciado…  

 As infografías, realizadas pola ilustradora guardesa Tamara Baz, están ambientadas en diferentes espazos da vila da Guarda, tentando captar a atención dos guardeses e guardesas para que realicen as súas compras no comercio e na hostalaría local.  

 A campaña de promoción do comercio local emprega ademais varios cancelos como: #ComercioLocal #NonRompasOCirculo #MercaNaGuarda e #EuConsumoLocal e terá una continuidade no tempo empregando diferentes canles de comunicación. 

Incentivar as vendas tamén na rede 

 Dende o Concello de A Guarda púxose en marcha a comezos de xuño a plataforma de comercio electrónico www.mercanaguarda.com unha iniciativa que pretende funcionar como un gran mercado virtual onde estean representados aqueles comercios, negocios de restauración, postos do mercado municipal e incluso autónomos/as ou empresarios/as do sector primario da localidade, que desexen vender os seus produtos de forma en liña, non só a nivel local senón tamén no resto de España e Portugal.   

 Arestora cóntase xa cunha quincena de empresas e máis de 80 produtos dispoñibles para mercar de sectores tan diversos como a artesanía, manualidades, xoiería, servizos, mercadotecnia, idiomas, viaxes, agasallos, xoguetes, alimentación, entre outros.  

 Realizáronse xa 3 xornadas formativas nas que participaron preto dunha trintena de empresarios e ao longo do ano, a medida que se sumen novas empresas, continuarase formando ao empresariado para que teña a oportunidade de empregar esta canle de venda en liña exclusiva para as empresas da vila, creada para favorecer a reactivación económica da localidade.  

 Esta plataforma está deseñada para que tanto compradores como vendedores podan manexala con facilidade e os vendedores terán que abonar unha única cota inicial de 20€ no momento da formalización da alta e que lles dará acceso ao uso da plataforma durante o primeiro ano, e de 30€/ano durante os posteriores.    

 As empresas que desexen adherir os seus negocios á plataforma deberán facelo directamente premendo na pestana “Vendedores” do menú e a continuación “Rexístrate aquí” ou a través do icono de “Mi cuenta”. Unha vez recollidos uns primeiros datos recibirán no seu correo electrónico a información para continuar co proceso de alta e no que se convocará a unha sesión de formación inicial para o uso da plataforma.   

 Calquera dúbida poderá ser enviada a través do correo electrónico mercanaguarda@gmail.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario