O Concello informa do prazo de consulta pública do Rexistro Municipal de Asociacións
A consulta estará aberta dende o día 20 ata o día 31 de xullo de 2020
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda vén de facer público un comunicado polo cal informa "dos prazos para a consulta pública na que se solicitará a opinión dos suxeitos e as organizacións mais representativas afectados pola futura norma, con carácter previo á aprobación do Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións do Concello da Guarda.
A consulta pública estará aberta dende o vindeiro día 20 ata o día 31 de xullo de 2020. Os eventuais interesados poderán participar remitindo as súas contribucións na sede electrónica do concello: https://aguarda.sedelectronica.gal/
Se trata de establecer o marco xurídico regulador do Rexistro Municipal de Asociacións, como instrumento que permita recoller documentalmente a realidade do tecido asociativo e de participación colectiva, dentro do marco territorial do Concello de A Guarda, para coñecer a situación real das asociacións existentes, definir as liñas que impulsen a consolidación dun tecido social organizado e moderno que busque vías e se axuste mellor aos intereses dos cidadáns de hoxe, para participar e actuar nos asuntos que lles preocupan.
Para a creación do Rexistro Municipal de Asociacións no Concello de A Guarda faise necesaria a aprobación dun regulamento que estableza o seu contido, finalidades, dereitos e obrigas das asociacións que soliciten a súa inscrición, así como fixar o seu obxecto, que será permitirlle ao Concello de A Guarda coñecer o número de entidades existentes no municipio, os seus fins, representatividade e incidencia, para os efectos de posibilitar unha política municipal adecuada que contribúa a fortalecer o tecido asociativo do noso Concello.
Respecto da súa oportunidade, a ausencia dunha regulación municipal sobre a materia fai recomendable o inicio da tramitación do procedemento de aprobación do regulamento, para regularizar a situación obxecto do mesmo e que se poida cumprir a finalidade do Rexistro Municipal de Asociacións".
Ningún comentario:
Publicar un comentario