19 de xuño de 2020

TURISMO

A campaña turística "Fame de experiencias" acada o seu sexto galardón internacional no US International Film&Video Festival de Los Ángeles 




Turismo Rías Baixas


O audiovisual da Deputación de Pontevedra comparte certificado de excelencia con outros seis traballos na categoría de produtos turísticos fronte aos máis de 1.000 audiovisuais procedentes dun total de 26 países


Infogauda / Pontevedra

  O vídeo de promoción da campaña "Fame de experiencias" da Deputación de Pontevedra acada o seu sexto galardón a nivel internacional. Nesta ocasión trátase do Certificate Creative Excellence 2020 do US International Film & Video Festival de Los Ángeles na categoría de "Produtos turísticos". Nesta ocasión, o audiovisual producido pola empresa Esmerarte comparte o recoñecemento con outros seis traballos procedentes de Austria, Dinamarca, Serbia, Viena, Eslovenia e cun de España. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou a "miña felicidade por este novo recoñecemento" e sorriu ao dicir que "xa non sei onde imos a atopar sitio para poñer todos os premios desta campaña".

  Máis de 1.000 traballos audiovisuais procedentes dun total de 26 países distintos competían pola medalla de ouro, a de prata e o Certificado de Excelencia, que finalmente conseguiu "Fame de experiencias". Este novo recoñecemento recíbese apenas unhas horas despois de que chegase fisicamente ata o Pazo provincial o trofeo recentemente acadado por esta campaña no Festival Internacional de Cine Turístico de Riga (Tourfilm). O galardón recoñece novamente a aposta da Deputación de Pontevedra por un modelo vangardista e sostible de promoción da provincia, despois dos premios recibidos en Fitur, Estonia, nos Golden City Gate de Berlín, nos New York Festivals TV & Film Awards e na décimo sexta edición do International Tour Film Fest de Bulgaria.

  O vídeo de "Fame de experiencias" promove un turismo ligado ao territorio e ao produto e pon en valor o traballo de produtoras e produtores que traballan de forma artesanal e obteñen excelentes materias primas que enxalzan a gastronomía das Rías Baixas a nivel internacional. O audiovisual visibiliza o traballo das persoas anónimas, moitas delas mulleres, que extraen ou cultivan con grande esforzo diario os produtos de proximidade da provincia de Pontevedra, pero conta tamén coa participación de nomes de referencia da gastronomía das Rías Baixas coma Pepe Solla, a xefa de sala de Culler de Pau, Amaranta Rodríguez, Yayo Daporta ou Rafa Centeno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario