Galicia e Portugal coinciden na necesidade da cooperación para reactivar os fluxos turísticos e a peregrinación a Santiago
O conselleiro de Cultura e Turismo reuniuse coa secretaria de Estado de Turismo do país luso para avanzar en posibles accións conxuntas no Camiño Portugués
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe por videoconferencia coa secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Rita Marques
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, reuniuse onte por videoconferencia coa secretaria de
Estado de Turismo de Portugal, Rita Marques, para avaliar o efecto da
desescalada nos fluxos turísticos entre ambas zonas e traballar
conxuntamente na reactivación do Camiño de Santiago, un eido no que xa
veñen cooperando con resultados satisfactorios ao longo dos últimos
anos.
Nesta liña, o titular de Cultura e Turismo, acompañado pola
directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, trasladoulle á
mandataria lusa o obxectivo de reforzar os vínculos entre ambos
territorios retomar as liñas de colaboración abertas para poñer en valor
a riqueza patrimonial, cultural e natural que comparten Galicia e
Portugal. Neste sentido, Román Rodríguez salientou a importancia de
recuperar os fluxos entre Galicia e Portugal e de deseñar accións
conxuntas, particularmente no que atinxe ao Camiño Portugués.
O
traballo conxunto, tal e como explicou o titular de Cultura e Turismo do
Goberno autonómico, permitirá establecer estratexias que preparen a
ambos territorios para superar os obstáculos da crise sanitaria e
afrontar con certezas a realidade do escenario posterior ao coronavirus
afianzando a nosa imaxe como destino seguro e de confianza, precisou.
O
portugués é o principal mercado estranxeiro de Galicia e supón o 20% da
demanda turística internacional. Tanto é así que só no pasado ano
visitaron a nosa Comunidade máis de 265.000 turistas procedentes do país
veciño. Ademais, a nacionalidade lusa tamén é unha das máis frecuentes
no Camiño de Santiago e Portugal é un dos principais países de
procedencia na Ruta Xacobea, só por detrás de Italia, Alemaña e Estados
Unidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario