16 de xuño de 2020

TURISMO

A XUNTA DE GALICIA DESTINA CASE 340.000€ AOS CONCELLOS DE PONTEVEDRA PARA A  CONTRATACIÓN DE 112 SOCORRISTAS  

· O Goberno galego apoiará aos concellos das comarcas do Baixo Miño e o Condado-Paradanta con 50.357,14 euros para contratar durante xullo e agosto a  16 socorristas        

Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, informou hoxe aos concellos da resolución da orde de axudas que permitirá que os municipios do Baixo Miño e O Condado- A Paradanta poidan contratar durante os meses de xullo e agosto a un total de 16 persoas socorristas.   

 Os concellos beneficiarios serán Covelo, con un socorrista, As Neves, A Cañiza e Tomiño con dous cada un, Ponteareas contará con tres e A Guarda con seis. En total, ambas comarcas recibirán 50.357,14 para axudar na contratación destes profesionais, xa que é preciso recordar que a contratación de socorristas para praias e piscinas non é competencia autonómica e deben ser os propios concellos os que realizan directamente estes contratos. 

 Na provincia de Pontevedra serán 112 os socorristas contratados, cunha axuda de 340.000 euros e 31 concellos beneficiados, así como a Mancomunidade do Val Miñor.    

 A Xunta tamén recorda que coa axuda que permite aos concellos contratar persoal para a vixilancia das praias, ofrécese tamén ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunda na mellora da súa empregabilidade e que facilita a súa futura inserción no mercado de traballo. O obxectivo é apoiar á Administración local na dinamización da súa economía e seguir contribuíndo a mellorar a inserción laboral no territorio galego. 

 Os socorristas son unha ferramenta máis para garantir a calidade dos nosos areais, que veñen abaladas pola consecución de bandeiras azuis, 52 na provincia de Pontevedra neste 2020, 5 distintivos que recoñecen a excelencia dos portos deportivos; e 6 sendeiros azuis.  

 O concello de Sanxenxo volveu a repetir posición como o concello galego – e do conxunto do Estado – con máis bandeiras azuis, con 17 praias distinguidas. Cómpre indicar que Sanxenxo presentou nesta edición unha candidatura individual para as praias de Nosa Señora da Lanzada, O Espiñeiro, Areas Gordas e A Lapa, que foron distinguidas con este distintivo. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que suma 10 en 2020; Cangas do Morrazo (7), Marín (con 5 bandeiras) e A Guarda (con 2 bandeiras).

Ningún comentario:

Publicar un comentario