30 de xuño de 2020

TOMIÑO / VILA NOVA DE CERVEIRA

A Eurocidade Vila Nova de Cerveira-Tomiño, seleccionada para a campaña de comunicación #EUinmyregion  

Trátase dun proxecto posto en marcha pola Comisión Europea que busca dar maior visibilidade aos proxectos financiados pola UE en todo o continente  

Como un dos gañadores, a Eurocidade recibirá tarxetas postais cunha imaxe do proxecto e un gif con diferentes fotografías para difundir o que se está a facer en Cerveira-Tomiño   

A organización elixiu unha imaxe da segunda edición da Andaina entre Vila Nova de Cerveira e Tomiño
Foto: #EUinmyregion

Infogauda / Tomiño

 A Eurocidade Vila Nova de Cerveira-Tomiño é un dos proxectos gañadores do certame #EUinmyregion, unha campaña de comunicación de creación conxunta posta en marcha pola Comisión Europea que busca aumentar a visibilidade dos proxectos financiados pola Unión Europea en todo o continente. Mediante esta campaña, os 46 proxectos finalmente elixidos daranse a coñecer por toda Europa a través de distintas imaxes que recollen a esencia de todas as iniciativas. 

 Entre as cinco fotografías presentadas pola Eurocidade para participar no certame, a organización elixiu unha imaxe da segunda edición da Andaina entre Vila Nova de Cerveira e Tomiño, moi representativa da unión e proximidade entre a veciñanza destes dous municipios e na que se avoga por un crecemento sostible do territorio que mellore a calidade de vida da poboación desta zona común entre Galicia e Portugal á beira do río Miño.  

 Como un dos proxectos gañadores, #EUinmyregion editará e enviara á Eurocidade tarxetas postais con esta imaxe, así como un gif con diferentes fotografías para difundir o que se está a facer en Vila Nova de Cerveira-Tomiño. Ademais, con apoio e ferramentas de comunicación, os proxectos seleccionados están invitados a amosar á cidadanía o que se ten alcanzado xunto coa UE na súa comunidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario