Pescadores galegos avistan un arroaz solitario na ría de Muros-Noia
Trátase
dun comportamento peculiar deste exemplar de Tursiops truncatus, xa
que adoitan convivir en grupo de 15 exemplares de media
Exemplar de Tursiops truncatus
Foto: X.G.
A Consellería de Medio Ambiente sinala que esta soidade do animal fai que se poida achegar aos humanos, polo que se recomenda non ofrecerlle comida, no tocalo nin aproximar as mans e respectar as súas áreas de descanso
Infogauda / Galicia
Varios profesionais do mar que faenan na
Ría de Muros-Noia levan varios meses avistando un arroaz solitario
nestas augas galega.
Se ben é certo que a presenza de exemplares
de Tursiops truncatus non é un feito peculiar, posto que resulta
habitual atoparse cos arroaces nas rías en calquera época do ano, o
novidoso desta situación é que se trata dun arroaz solitario, pois este
comportamento non é frecuente entre os arroaces, xa que adoitan convivir
en mandas de 15 exemplares de media.
A soidade deste exemplar
pode deberse a que en ocasións estes exemplares non son aceptados nas
mandas e se reclúen ata atopar outros individuos das súas mesmas
características.
A situación de illamento do arroaz da ría de
Muros-Noia, e a súa soidade, fai que aumente a súa curiosidade polas
actividades humanas, pero cómpre ter en conta que se trata dun animal
silvestre, e non dunha mascota, polo que se non debe molestarse ao
animal evitando en todo momento interactuar con el.
Así,
recoméndase non ofrecerlle nunca comida, non meterse intencionadamente
na auga ao seu carón nin entrar -deliberadamente- no seu radio de
contacto. No caso de estar na auga, debese evitar tocalo nin
aproximarlle as mans.
É necesario respectar sempre as súas áreas
de descanso e no caso de detectar un comportamento incómodo pola súa
parte, débese saír da auga e afastarse do seu contacto.
No caso de
estar nunha embarcación no momento do avistamento, non debemos
aproximarnos nin interromper o seu comportamento, recoméndase adoptar
unha posición neutral e indiferente si se achega o animal. Tamén é
recomendable manter o mesmo rumbo e velocidade e evitar cambiar de
dirección ou velocidade, de xeito brusco. Se o animal está situado á
popa da embarcación, non debemos dar aceleróns.
Este avistamento
non é o primeiro que se rexistra en Galicia, senón que houbo varios
casos de arroaces solitarios en Galicia. O de máis sona, que non o
último, foi o dun arroaz que estivo nas costas galegas dende o ano 2007
ao 2010, sendo observado por última vez nas inmediacións das illas
Lobeiras, sen que ninguén soubese do seu paradoiro.
A Consellería
de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantén este tipo de tarefas de
seguimento deste exemplares mariños dentro das tarefas que se realizan
ao abeiro do marco do convenio de colaboración asinado entre a
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Asociación
CEMMA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario