A Xunta de Galicia deixa incomunicado ao Baixo Miño ao non incluílo no transporte metropolitano
· A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño alerta de que suporá un importante deterioro no servizo e que illará á comarca da súa area sanitaria de referencia
Parada do autobús interurbano en Sanxián (O Rosal)
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Baixo Miño
A decisión da Xunta de Galicia de non incluír ao Baixo Miño no transporte metropolitano da área de Vigo causará importantes prexuízos aos veciños e veciñas da comarca. Os alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, formada pola Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, lamentan esta decisión e alertan de que “suporá un importante deterioro dun servizo fundamental nunha contorna rural cun alto índice de poboación envellecida”.
“Esta exclusión da comarca do Plan de Transporte Metropolitano reduce de forma importante - segundo denuncian desde a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño - as frecuencias horarias, eliminando as existentes entre as 09:00 e as 12:00 horas, e deixa ao Baixo Miño incomunicado e illado da súa área sanitaria de referencia, Vigo, así como do campus da Universidade de Vigo. Unha situación que tamén repercutirá negativamente na economía de toda a veciñanza da comarca, xa que ao quedar fóra do transporte metropolitano non poderán beneficiarse das tarifas bonificadas, dos diferentes descontos ou da posibilidade de facer transbordo”.
O pasado verán a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño xa deu resposta á esta precarización do transporte e interpuxo de forma conxunta alegacións ao anteproxecto do Plan de Transporte Metropolitano presentado pola Xunta, dando resposta a todas as eivas detectadas no servizo en caso de aplicación. Nestas alegacións incluíase tamén o deseño das liñas concretas coa Universidade ou a área sanitaria ou as liñas circulares entre os núcleos dos para poder trasladar ao goberno autonómico solucións concretas e acordes ás necesidades dos concellos do Baixo Miño.
Os rexedores e rexedoras da comarca piden á Xunta “que atenda a todas estas demandas que foron claramente especificadas nas alegacións que presentou o conxunto da Mancomunidade”. Os rexedores e rexedoras dos concellos do Baixo Miño consideran “un agravio que a Xunta non inclúa aos concellos da comarca nunha rede de transporte metropolitano” do que si forman parte Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior. “En lugar de aproveitar a oportunidade e apostar polo servizo público o que se está a facer é precarizalo, co que terá menos viaxeiros e resultará cada vez menos rendible”, salientan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario