O comité de Vitrasa mobilízase para reclamar compensacións polo ERTE, colocación de baños e máis seguridade
Desenvolveu concentracións diante do Concello de Vigo e da concesionaria do transporte urbano
O
comité de empresa de Vitrasa - na imaxe fronte a Casa do Concello de Vigo - desenvolveu hoxe as primeiras mobilizacións
da campaña de protestas que vén de poñer en marcha.
Fotos: CIG
Infogauda / Vigo
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, desenvolveu hoxe as primeiras mobilizacións da campaña de protestas que vén de poñer en marcha “para denunciar os incumprimentos da empresa e do Goberno local a respecto da colocación de baños e mamparas, da aplicación do ERTE e das tarxetas moedeiro, así como en cuestións relativas á contratación e seguridade e hixiene nos autobuses e no taller”.
Concentración do comité de empresa de VITRASA, ás portas da empresa, na estrada de Camposancos (Vigo)
As concentracións tiveron lugar diante do Concello de Vigo, de 10:00 a 11:30 horas, para continuar posteriormente ás portas da empresa, na estrada de Camposancos, de 12:30 a 14:00 horas. Dende a representación do cadro de persoal explican que con estas protestas queren “denunciar a falta de resposta da dirección da empresa e dos responsábeis municipais ás súas reiteradas demandas”.
En concreto, ao Concello veñen “solicitándolle dende hai tempo que non retire os baños hixiénicos instalados para o persoal de condución e que se aumenten nas liñas que non contan con este servizo nas cabeceiras”.
Neste senso, emprazan o Goberno local “a que manteña estes baños até que permita a instalación duns definitivos, xa que pola contra volverémonos a atopar sen baños para poder facer as nosas necesidades”.
No que respecta ás tarxetas moedeiro, e ante a boa acollida que tivo esta iniciativa posta en marcha durante a pandemia do novo coronavirus, ínstano a facilitar a súa adquisición por parte de todos/as os viaxeiros/as, ampliando a súa venda a quioscos, estancos, puntos de chegada de viaxeiros/as, etc.
E no que ten que ver co ERTE, lembran que ao inicio do estado de alarma o alcalde comunicou que ía blindar o salario dos traballadores/as das concesionarias, “polo que nos gustaría saber se a millonaria indemnización que anunciou que tería que abonarlle a Vitrasa garantirá que o persoal de condución poida recuperar a importante perda salarial sufrida durante o ERTE”.
Todas estas demandas fóronlle trasladadas ao Concello polo comité en varias ocasións, sendo a última o pasado 29 de abril, sen que polo de agora os responsábeis municipais se teñan pronunciado ao respecto.
Elevada eventualidade
Pola súa banda, á empresa solicítanlle a instalación da mamparas para protexer o persoal de condución e ás persoas viaxeiras de posíbeis ante a volta inminente da cobranza en efectivo, “xa que as que está a instalar a empresa na actualidade son inservíbeis para tal fin co único obxectivo de minimizar custos”.
A respecto do réxime de xornada, sinalan que “debido á volta á normalidade e ao aumento de tráfico e viaxeiros/as os horarios dalgunhas liñas non teñen descanso real para os condutores/ as durante a súa xornada de traballo, polo que reclaman a adopción de medidas ao respecto”.
Outra cuestión que pretenden solucionar coa empresa é a elevada eventualidade, tendo en conta que a pesar das últimas conversións de contratos temporais a indefinidos continúa habendo un número indeterminado de postos de traballo fixos cubertos por persoal eventual.
No que ten que ver coa seguridade e a hixiene nos autobuses denuncian que teñen detectado unha deficiente limpeza e desinfección dos vehículos, tanto no posto do condutor/a como no dos viaxeiros/as.
Ademais, pídenlle á empresa que mellore a calidade dos EPI que lles entrega ao persoal de taller, especialmente o calzado, e que proporcione as ferramentas e útiles necesarios para facilitar a realización de traballos en taller, “porque até o momento non os está a facilitar”.
Finalmente, censuran que os traballadores/as da quenda son obrigados/as a asumir responsabilidades e traballos que non corresponden coa súa categoría “e non se lles compensa axeitadamente”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario