A tempada de alto risco de incendios comeza mañá e quedan prohibidas as queimas agrícolas e forestais
O período de alto risco abrangue un período de tres meses, dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro
A Consellería do Medio Rural lembra que existe un teléfono anónimo e
gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria: o 900
815 085
Infogauda / Galicia
A campaña de alto risco de incendios
forestais en Galicia comeza mañá, mércores 1 de xullo, e estenderase ata
o 30 de setembro. Isto supón a suspensión das queimas, polo que quedou
interrompida a tramitación das comunicacións para as queimas agrícolas,
así como a dos permisos para as queimas forestais.
De cara a esta
tempada de alto risco, a Consellería do Medio Rural lembra que existe un
teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade
delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: o 900 815
085. A Xunta pide a colaboración da sociedade denunciando este tipo de
accións, a través do teléfono ou directamente ante as Forzas e Corpos de
Seguridade do Estado.
A maiores, o Goberno galego lembra que
tamén está a disposición da cidadanía o servizo gratuíto 085, ao que se
debe chamar no caso de detectar un incendio forestal. Failles tamén unha
chamada a todas as persoas que se acheguen ao monte nestas datas para
que extremen as precaucións e eviten calquera práctica que implique
risco de lume.
Por mor do inicio do período de alto risco, a
partir de mañá refórzase o dispositivo establecido no Plan de prevención
e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2020. Este
ano, como nas últimas campañas, o operativo de verán estará integrado
por máis de 7.000 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, do
Ministerio, do Exército e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario