O concello suspende as Festas do Monte Santa Trega, 2020
As imaxes corresponden a xuntanza celebrada na noitiña de onte no salón de plenos do Concello de A Guarda, e na que participaron membros do Equipo de Goberno, membros da Comisión de Festas do Monte e representantes das bandas
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Equipo de Goberno do Concello de A Guarda, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, vén de facer público na tarde deste sábado día 27 de xuño de 2020, un comunicado no que indica:
“Diante da crise sanitaria provocada polo virus Covid-19, que obriga a manter medidas de seguridade e prevención para a protección da saúde da cidadanía. Tendo en conta os milleiros de persoas que durante as festas do Monte se achegan á Guarda para participar nunhas festas multitudinarias referentes en toda Galicia, tanto nas verbenas como no desfile e a romaría da fin de semana. Considerando a normativa vixente na actualidade, tanto da Xunta de Galicia como do Goberno Central, referida ás medidas de seguridade que hai que manter cara a nova normalidade, pero sobre todo, tendo en conta a saúde das persoas. O equipo de goberno do Concello da Guarda mantivo unha xuntanza coa comisión de festas e cos responsables das bandas mariñeiras, o pasado venres 26 de xuño, para valorar e tomar unha decisión respecto da celebración das festas do Monte 2020.
O alcalde Antonio Lomba Baz, a tenente de alcalde Mª Montserrat Magallanes Álvarez e o concelleiro de Servizos á Cidadanía, Miguel Ángel Español Otero, con Manuel Castro Vicente e membros da Asociación Cultural e Deportiva O Cancelón, organizadora das Festas do Monte
A totalidade dos asistentes á xuntanza valoraron a imposibilidade de manter as condicións que a Xunta de Galicia establece dadas as características da festa, pola gran afluencia de persoas que asiste e pola falta de medios para realizar os controis necesarios para ter garantías sanitarias. Así mesmo, os asistentes, entenderon que a prioridade nestes momentos, sobre calquera outra consideración, é a saúde.
Despois de facer unha reflexión conxunta e vista a incerta situación sanitaria que temos na actualidade o concello da Guarda, de acordo coa comisión de festas e os responsables das bandas mariñeiras, anuncia a suspensión das festas do Monte 2020, o que inclúe as verbenas, o desfile e a romaría do domingo. Poñendo como principal prioridade nestes momentos a saúde das persoas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario