A Xunta de Galicia abre o luns o novo fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 dotado inicialmente con 1,5 millóns de euros
O conselleiro de Cultura e Turismo informou hoxe desta medida prevista no Plan de Reactivación Cultural para incentivar a creación artística na crise sanitaria
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román
Rodríguez, informou hoxe sobre o novo Fondo de Proxectos Culturais
Xacobeo 2021
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román
Rodríguez, informou hoxe sobre o novo Fondo de Proxectos Culturais
Xacobeo 2021, unha das principais medidas que contempla a Xunta de
Galicia no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte
aos efectos da crise sanitaria provocada pola Covid-19. Trátase dunha
iniciativa que busca preservar a actividade e o emprego e xerar contidos
de calidade a disposición de todos os galegos.
Nun encontro
virtual no que estivo acompañado polos membros do seu equipo, o titular
de Cultura e Turismo subliñou a necesidade de inxectar liquidez
“inmediata” nas industrias culturais galegas a través da creación deste
fondo que “amosará o talento dos profesionais e creadores nun momento de
incerteza” pola crise sanitaria. Así, preténdese “reforzar as
estruturas da industria cultural e estimular a demanda” nun momento no
que se visibilizou a importancia e xenerosidade da cultura á hora de
superar etapas socialmente difíciles como foi o confinamento.
Román
Rodríguez destacou que o principal obxectivo deste fondo “é dar a
posibilidade a profesionais e empresas galegos de traballar e producir
os seus proxectos en condicións especiais sen ter que deixalos
aparcados” e, á vez, facilitar o acceso á cultura a toda a cidadanía con
fin de que poidan gozar das distintas expresións tanto en liña como de
xeito presencial.
Ata finais de ano
A convocatoria,
dotada inicialmente cunha partida de 1,5 millóns de euros, abrirá o luns
o seu prazo de presentación de proxectos. Toda a información estará
dispoñible a través do web culturaeturismo.xunta.gal.
O período de presentación de proxectos remata o 31 de xullo, aínda que
as iniciativas presentadas poderán desenvolverse ata finais de ano.
Poderán
acceder a esta convocatoria todas as ramas do sector cultural con
proxectos virtuais ou que se vaian realizar de xeito presencial baixo as
condicións que a situación sanitaria permita. Ou mesmo combinar ambas
opcións. Tamén outros servizos como deseño, produción técnica ou
subministro de materiais e expresións artísticas.
As disciplinas
do Fondo para Proxectos Culturais Xacobeo 2021 incluirán a lingua, as
artes escénicas, teatro, danza, música, artes plásticas, literatura,
divulgación, patrimonio ou o turismo cultural, entre outros. Os
profesionais que formen parte contarán con apoio e visibilidade para que
os seus proxectos sigan a ter proxección social.
As iniciativas
optarán a un investimento máximo de 10.000€ no caso de tratarse de
empresas, cooperativas e entidades sen ánimo de lucro que xeren emprego,
ou de 4.000 euros se se trata de profesionais autónomos. En calquera
caso, esta contía pode supoñer o financiamento do 100% do proxecto. As
iniciativas poderán ser compatibles coas axudas doutras entidades ou
mesmo da Xunta de Galicia, pero non coas da Consellería de Cultura e
Turismo para o mesmo proxecto, co fin de poder chegar ao maior número de
beneficiarios posibles.
Cada empresa ou profesional poderá
presentar un proxecto, no que deberán apostar pola lingua galega, se ben
poderán promover igualmente o plurilingüismo sempre que se inclúa unha
versión en galego ou habiliten mecanismos de subtitulado.
Tres modalidades
Na
primeira das tres modalidades do Fondo Xacobeo 2021 incluiranse os
proxectos musicais, audiovisuais e de artes escénicas. Na segunda terán
cabida os proxectos para dinamizar a lingua galega, o patrimonio
cultural e os proxectos editoriais, literarios e expositivos. A última
das modalidades está dirixida ao ámbito xacobeo, turístico, xeográfico,
paisaxístico, gastronómico e de usos e costumes sociais.
A
selección dos proxectos que integren este Fondo vinculado ao Ano Santo
será realizada por unha comisión técnica integrada por persoas expertas
en cada un dos ámbitos que avaliará os proxectos segundo o interese da
proposta así como a súa orixinalidade, calidade, alcance e grao de
adecuación ao público ao que vai dirixido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario