14 de maio de 2020

O ROSAL

O Concello do Rosal formará ao comercio local para adaptarse a unha realidade cambiante   

· Poñendo en marcha un programa en liña de transformación estratéxica e dixital, dirixido a negocios de proximidade con “ferramentas útiles para o seu día a día”  

Captura de pantalla da videoconferencia que vén de manter á alcaldesa con varios emprendedores do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal segue apostando polo comercio local como un dos eixos fundamentais para o desenvolvemento do propio municipio e está valorando todas as posibilidades dentro do seu ámbito competencial para axudalo a mellorar, a innovar e reaccionar ante a nova realidade que se está a vivir. Por este motivo, o Concello porá este mes en marcha un programa de formación dirixido ao pequeno comercio para a súa transformación estratéxica e dixital, a través do que lles proporcionarán ferramentas non soamente para sumar no complicado momento actual senón tamén de cara ao futuro.  

 “A formación é moi importante para axudarlles a innovar, a reinventarse e a ser capaces de reaccionar ante calquera situación, máis diante da realidade tan cambiante que se está a vivir nestes tempos”, asegura a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. Durante unha reunión mantida este mércores 13 de maio, con membros da Asociación de Comerciantes do Rosal (ACOR), a rexidora explicou que dende o Concello considérase prioritario dotar ao pequeno comercio de medidas útiles que “poidan empregar no seu traballo cotiá, que poidan autoxestionar de xeito sinxelo e que promovan a transformación estratéxica e dixital das empresas aumentando conciencia, formación, asesoramento e apoio.  

 O programa de formación, aberto a todos os/as comerciantes do Rosal, arrancará previsiblemente a finais do mes de maio. Todas as persoas interesadas en participar deben poñerse en contacto coa asociación de comerciantes ou co Concello a través do enderezo electrónico aedl@concellodorosal.es.  

Obradoiros grupais e titorías personalizadas 

 O programa de formación levarase a cabo en dúas fases e de xeito telemático. Durante a primeira fase realizaranse seis obradoiros formativos grupais en liña a través de videoconferencias impartidas por expertos ás que os comerciantes poderán asistir dende o seus domicilios ou negocios. Serán obradoiros interactivos sobre a situación do comercio e o comportamento dos consumidores ante a crise do COVID-19, sobre a xestión das redes sociais e sobre a venda en liña. Aínda que no comercio local a atención presencial seguirá tendo un enorme peso, a nova realidade vai dar á venta en liña un papel fundamental que pode beneficiar tamén ao pequeno comercio, abrindo novas formas de chegar aos seus clientes.  

 A segunda fase consistirá en titorías individuais cun máximo de 10 comercios seleccionados segundo criterios obxectivos nas que o comerciante contará co apoio dun experto para reorientar o seu negocio, potencias as súas fortalezas, e buscar solucións para a súas feblezas. 

Reactivación económica 

 Dende o Goberno local - engadiu finalmente á alcaldesa Ánxela Fernández - quérese agradecer a ACOR a boa acollida deste programa de formación e lembra que está tanto á súa disposición como da de todos as e os comerciantes para seguir colaborando a prol do futuro do comercio local. Neste sentido, o Concello está a traballar xa con este plan de reactivación municipal en todos os ámbitos posibles e dirixíndose a todas as administracións competentes para trasladar as necesidades ás que se enfrontan o pequeno comercio e outros sectores do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario