14 de maio de 2020

PONTEVEDRA

Areeiro recomenda a renovación dos tratamentos contra o mildio nas viñas tras constatar o avance da enfermidade  

O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso fitosanitario no que tamén aconsella realizar o primeiro tratamento fronte ao oídio en viñas sensibles e advirte sobre outras enfermidades en distintas árbores e cultivos

Nas fincas de seguimento de Areeiro constatouse a presenza de síntomas do mildio en todas as viñas
Foto: EFA


Infogauda / Pontevedra

  A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que volve constatar o avance do mildio nas viñas e recomenda a renovación dos tratamentos contra esta enfermidade en canto sexa posible, salvo que se teñan feito nas últimas xornadas.

  O persoal especialista da EFA explicou que condicións meteorolóxicas como as da última semana, con períodos de humidade e temperaturas nocturnas elevadas, son moi favorables ao desenvolvemento do fungo, e teñen como resultado contaminacións de xeito continuo. Así, nas fincas de seguimento de Areeiro constatouse a presenza de síntomas en todas as viñas, aínda que de diferente intensidade, desde algunhas que apenas o tiñan nas follas a outras plantas con avance en manchas antigas e tamén algúns acios afectados. Amais, recibíronse moitas consultas de persoas propietarias de predios con variedades de diferente sensibilidade incapaces de frear o avance da enfermidade, pese a reducir os intervalos de tratamento a menos de oito días.

  Coas previsións climatolóxicas para os vindeiros días, que anuncian unha mellora do tempo, Areeiro recomenda renovar os tratamentos, con especial coidado ao aplicalos e advirte ás persoas viticultoras da necesidade de manter ben segada a cuberta vexetal, se a hai, en especial nas viñas en formacións máis baixas.

  Doutra banda, o aviso fitosanitario referiuse tamén ao oídio. Aínda que a EFA non observou aínda os primeiros síntomas nas viñas revisadas, apunta que no caso das variedades máis sensibles ou con historial de danos en todas as campañas é aconsellable aplicar un tratamento antes do inicio da floración, cando comeza a máxima sensibilidade do acio ao patóxeno, aproveitando a realización de posibles intervencións antimildio. No resto de variedades recomenda incrementar a vixilancia, porque coas condicións climatolóxicas previstas para os próximos días probablemente comecen a aparecer os primeiros síntomas.

  No que atinxe ao black-rot, Areeiro apuntou que a presenza da enfermidade non foi tan evidente como a pasada semana, aínda que se observou un incremento dos síntomas característicos desta enfermidade nas follas das plantas abandonadas e tamén nalgunhas das sometidas a tratamentos. Non se detectaron síntomas en pampos ou en peciolos, pero é previsible que aparezan, tamén en acio, pola continuidade das condicións meteorolóxicas favorables desde hai semanas e ao feito de que poden manifestarse tempo despois da infección.

  Por esta razón, o centro dependente da Deputación recomenda para o control desta patoloxía calquera tratamento antimildio e/ou antioídio nas próximas semanas con  funxicidas que tamén teñan acción fronte a black  rot.

   Amais, apunta a necesidade de respectar o número máximo de aplicacións por campaña de cada produto e as súas doses e non empregar sempre as mesmas materias activas para evitar a aparición de resistencias. Tamén advirte que no caso desta enfermidade xeralmente hai máis síntomas nas plantas cultivadas cando teñen preto vides sen cultivar, polo que aconsella así mesmo a súa retirada para reducir o nivel de inóculo.

  Doutra banda, no caso da botrite, Areeiro advirte que a consecuencia dos ventos que ten habido neste inicio de campaña, nalgunhas viñas quedan pampos secos nas propias plantas, e sobre eles pode instalarse este fungo. Aínda así, o tempo máis seco que se prevé para os próximos días non lle resultará favorable, e tamén permitirá que os restos das primeiras flores vaian desprendéndose, aínda que mentres haxa elevada humidade poidan quedar adheridos.

  No que se refire ás pragas de artrópodos, a EFA subliña que houbo capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas de todos os predios, aínda que non  se observaron aínda ningún niño das eirugas, e detectouse a presencia de síntomas moderados de erinose nalgunhas viñas.

  O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades noutras árbores, cultivos e froitos. Así, no caso da maceira, esta semana a EFA detectou que avanzaron os síntomas do moteado, polo que aconsella non descoidar a protección das plantas, en especial das variedades máis sensibles, para evitar danos á froita en formación. Tamén advirte que a mellora do tempo que se prevé a partir deste venres 15 de maio probablemente favorecerá o desenvolvemento da couza da mazá.

  No que se refire ao marmelo, a primavera tan húmida está a provocar que xa nalgúns haxa certa perda de follas a consecuencia do Entomosporium maculatum, polo que se recomenda unha aplicación funxicida. Tamén constatáronse os primeiros síntomas do oídio, aínda que moi leves.

  Doutra banda, no caso dos cítricos, o bo tempo pode favorecer a formación de brotes tenros, que a súa vez atraerán a pulgóns e moscas brancas, que xa están empezando a aparecer. E nalgunhas plantas xa hai ovos, ninfas e adultos da psila africana. Neste senso, a EFA sinala que se non hai moitos brotes afectados e a árbore non se vai ver prexudicada, a eliminación destes contribúe a limitar as poboacións da praga.

  No que atinxe á pataca, Areeiro destaca que será moi importante renovar canto antes as plantas se non se fixo ultimamente, ante a posible ameaza do mildio pola humidade dos días anteriores. E, doutra banda, nalgunhas plantacións obsérvanse xa danos por escarabellos, polo que a EFA aconsella aplicar un tratamento.

  A melloría do tempo que se espera pode favorecer así mesmo a aparición de pulgóns e outros chupadores en varios cultivos e, neste senso, o persoal especialista apunta que convén incrementar a vixilancia, porque son máis sinxelos de controlar nos momentos iniciais.

  Por último, no que atinxe ao buxo, atopáronse novos síntomas da Cylindrocladium buxicola nalgunas sebes. Para a súa contención, como sinala o persoal de Areeiro, é fundamental combinar as medidas de retirada das follas secas cos tratamentos funxicidas. E no que se refire á Cydalima perspectalis, aínda se poden observar algunhas eirugas grosas nalgunhas sebes, pero menos que a semana anterior segundo as observacións da Estación. Tampouco se recolleron adultos no exterior, pero seguen a nacer na poboación do laboratorio da EFA.

  Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e os datos aportados por técnicos e viticultores. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario