A feliz recuperación de "Pipa" e "Comba", dúas cadelas que foron operadas de urxencia no CAAN
A primeira delas entrou no centro da Deputación de Pontevedra un día antes do estado de alarma con varias fracturas tras ser atropelada, e a segunda foi atopada o 3 de abril con sarna e un tumor abandonada na beiravía da autovía do Salnés
Pipa e Comba
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
Pipa e Comba entraron no Centro de Acollida e Protección de Animais
da Deputación de Pontevedra en estado grave tras ser atopadas en
difíciles circunstancias e con lesións polas que tiveron que ser
sometidas a operacións cirúrxicas de urxencia no propio CAAN. Pero hoxe,
"Pipa" e "Comba" están xa plenamente recuperadas e agardan agora a súa
adopción para poñer un final feliz á súa historia.
A primeira
delas, "Pipa", é unha cadeliña que foi recollida en Lalín polo persoal
do CAAN tan só un día antes da entrada en vigor do estado de alarma, o
13 de marzo, tralo aviso do Concello. Esta cachorra, que tiña entón só
tres meses de idade, presentaba graves lesións consecuencia dun
atropelo, en concreto unha fractura con desprazamento do fémur esquerdo e
fractura sen desprazamento do cúbito e o radio esquerdo. Da primeira
destas lesións foi operada no centro de Meis por un traumatólogo,
mentres que da segunda evolucionou favorablemente sen necesidade de
cirurxía. Trala súa recuperación, "Pipa" está lista para ser dada en
adopción, algo que se espera para os vindeiros días despois de que se
restablecese este servizo trala entrada da provincia na fase 1 da
desescalada e que xa haxa interese por darlle un novo fogar.
O
caso de "Comba" foi aínda máis grave. Esta cadela de oito anos de idade
fora atopada polo persoal de conservación de autoestradas nunha beiravía
da autovía do Salnés en pleno estado de alarma, o 3 de abril. Ademais
de sarna, presentaba un tumor xa ulcerado nunha das súas patas, na que
tamén tiña fractura de cúbito e radio, e anemia. Na cirurxía que lle foi
practicada nas instalacións do CAAN houbo que amputarlle esta pata e
comprobouse con radiografías que non tiña metástase noutros órganos.
Tanto desta operación, como da sarna e a anemia a cadela recuperouse con
éxito neste último mes e tamén está lista para saír en adopción.
Hai que lembrar que nesta fase 1 da desescalada, o centro da Deputación
de Pontevedra implantou o sistema de cita previa para as visitas ás
instalacións e para os procesos de adopcións, que xa se iniciaron cunha
grande acollida. De feito ata 40 cans e cadelas xa foron adoptadas na
última semana As persoas interesadas deben solicitar esta cita previa no teléfono 986 140 360
e, unha vez que se despracen ao recinto da Armenteira, deberán agardar
se é preciso a súa quenda no exterior do centro, co obxecto de evitar
concentracións. Outras medidas adoptadas polo centro dependente da
institución provincial son a atención individualizada a cada visitante, a
utilización de luvas e máscaras dentro do recinto e o mantemento das
distancias de seguridade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario