Arranca o programa formativo para a transformación dixital do comercio do Rosal
· Dirixido ao comercio de proximidade para darlle ferramentas coas que mellorar, innovar e reaccionar ante unha realidade cambiante
· O comercio na era post-COVID, primeiro obradoiro virtual
A alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández
Foto: C.O.R.
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
Bota a andar o programa formativo para a transformación estratéxica e dixital do comercio local do Rosal, unha iniciativa posta en marcha polo Goberno Municipal que preside a alcaldesa Ánxela Fernández, co obxectivo de dar ferramentas ao pequeno comercio para axudalo a innovar e adaptarse a unha realidade cambiante. O programa, totalmente en liña e de balde, arrancará este xoves 28 co seu primeiro obradoiro virtual, centrado nas claves do comercio na era post-COVID, analizando a situación e comportamento do comercio e dos consumidores durante a crise sanitaria e os posibles escenarios e perfís da clientela ante a nova realidade.
Programa
A primeira fase do programa formativo continuará o vindeiro luns 1 de xuño cun obradoiro sobre o espazo comercial e tendencias de consumo. A partir de aí o contido centrarase na dixitalización a través da xestión de redes sociais e de vendas en liña con seminarios interactivos sobre como destacar en Google (mércores 3 de xuño), o uso de whatsapp no comercio (luns 8), a publicidade en redes sociais (mércores 10) e por onde empezar na venda en liña (luns 15).
“Queremos apoiar ao comercio de proximidade e axudalos a que se reinventen e a que sexan capaces de reaccionar ante unha realidade cada día máis cambiante. Para nós é prioritario darlle ferramentas sinxelas e efectivas coas que poidan chegar á clientela de diferentes xeitos e coas que poidan poñer en marcha novas estratexias de venda”, salienta Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal.
O plan de formación continuará cunha segunda fase dirixida a un grupo máis reducido de comerciantes comprometidos e con interese en mellorar que contará co apoio de persoas expertas para reorientar o seu negocio, potenciar as súas fortalezas e buscar solucións para as posibles debilidades cunha estratexia empresarial a medio e longo prazo para aproveitar as oportunidades do mercado e ser máis competitivo.
Este programa formativo forma parte do plan de reactivación da economía local que está a desenvolver o Concello do Rosal en todos os ámbitos posibles, dirixíndose tamén a todas as administracións competentes para trasladar as necesidades ás que se enfrontan tanto o comercio de proximidade como outros sectores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario