7 de maio de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia demanda concrecións ao Goberno para afrontar con seguridade a desescalada na restauración, hoteis, bibliotecas e museos

O conselleiro de Cultura e Turismo lamenta que a tres días de retomar a súa actividade, empresas e administracións non coñezan que protocolos deben aplicar

No caso concreto das bibliotecas, o Ministerio de Cultura y Deporte non respondeu aínda a solicitude da Xunta nin estableceu indicacións ao respecto

“Sería inadmisible coñecer as medidas polo BOE o domingo pola tarde a escasas horas de que tanto o sector como as administracións autonómicas e locais teñamos que aplicalo”, advirte
    Foto: X.G.

Subliña a necesidade de actuar con rapidez e sen improvisación para que os establecementos e concellos conten con marxe suficiente para adaptarse

Infogauda / Galicia

  O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, demanda “concreción” ao Goberno central, que ten as competencias a través do mando único derivado do estado de alarma, para afrontar con seguridade e certezas o proceso de desescalada tanto na restauración e o turismo como en dotacións e servizos culturais como as bibliotecas e os museos. Neste sentido, lamenta que, a tres días de que algúns establecementos como os hoteis ou as terrazas dos restaurantes e cafeterías, así como as bibliotecas e museos, poidan retomar parte da súa actividade, as empresas e as administracións autonómicas e locais non coñezan os protocolos e as medidas de seguridade que deben aplicar para garantir a seguridade de traballadores e usuarios.

 No que atinxe ás bibliotecas, a Xunta non dispón de ningún tipo de indicación por parte do Ministerio de Cultura y Deporte. De feito, pese a ter preguntado ao respecto, non se obtivo polo de agora ningunha reposta. Neste sentido, comprende o estupor do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia coa actitude do Goberno central e reclama que lle esixa, como fixo a Xunta, claridade e dilixencia na reapertura das bibliotecas. “Sería inadmisible coñecer as medidas polo BOE o domingo pola tarde a escasas horas de que tanto o sector como as administracións autonómicas e locais teñamos que aplicalo”, advirte.

Protocolos do Ministerio

 En canto aos negocios de restauración e hoteis, o responsable de Cultura e Turismo da Xunta explicou que o Ministerio de Industria, Comercio y Turismo lle encargou ao Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE) a redacción dunha vintena de protocolos de seguridade e hixiene adaptados ás distintas actividades do sector. Con todo, os primeiros borradores foron remitidos esta mesma semana ás comunidades autónomas para que estas poidan realizar as súas achegas, deixando apenas marxe para que os particulares e as empresas poidan coñecer e adecuar os seus negocios a estas esixencias.

 Do mesmo xeito, Román Rodríguez lembrou que o Executivo central convocou mañá pola tarde, a 48 horas de que os establecementos poidan retomar a súa actividade, unha xuntanza coa ministra de Turismo para abordar este asunto, un feito que volve xerar incertezas entre o sector. Neste sentido, subliñou a necesidade de actuar “con rapidez e sen improvisación”, permitindo que as empresas dispoñan de tempo suficiente para adaptar a súa loxística e as súas instalacións ás novas esixencias.

Axudas para adaptar os establecementos

 O titular de Cultura e Turismo destacou que o Plan de Reactivación aprobado a semana pasada polo Consello da Xunta contempla un investimento de preto de 2 millóns de euros para favorecer a adecuación dos establecementos ao escenario actual e aos novos requisitos de seguridade sanitaria. Do mesmo xeito, avanzou que o plan de teleformación impulsado polo Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) ofrecerá cursos específicos para axudar a empresas e particulares a afrontar o proceso de reapertura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario