O Concello de Tomiño iniciou as obras de mellora da praza de Figueiró
· A intervención recuperará para as persoas este espazo central da parroquia de Figueiró, hoxe utilizado como aparcadoiro de vehículos
· O Concello investirá 440.000 euros procedentes do Plan Concellos
Infografía que amosa o acabado final que van ter as obras na contorna da Praza do Telleiro, en Figueiró (Tomiño)
Fonte: C.T.
Figueiró / Tomiño
O Concello de Tomiño está a levar a cabo as obras de “ACONDICIONAMENTO DA CONTORNA DA PRAZA DE FIGUEIRÓ”, co obxecto de convertir este espazo central da parroquia de Figueiró, nun espazo de uso peonil, accesible e seguro.
A intervención, cun orzamento total de 440.000 euros, recuperará para as persoas máis de 2.000 m2 de espazo público que se atopaba pavimentado con aglomerado asfáltico, usándose coma aparcadoiro e sen ofrecer seguridade e uso para as persoas. Polo tanto, son condicionantes das obras xerar un ámbito espacialmente atractivo, que invite á xente utilizar a praza dun xeito seguro e accesible, potenciando así actividades de ocio, comercio e restauración e poñendo en valor a arquitectura existente neste espazo público. A reforma da contorna da Igrexa de Figueiró; unha das prazas máis fermosas do concello, que debido aos numerosos visitantes que recibe o santuario de San Campio de Lonxe, foi proposta polo goberno local para ser mellorada este ano.
O proxecto, redactado polo estudio de arquitectura Cendón-Vázquez, recurre a uns acabados suaves, naturais, acordes co uso de preferencia peonil, e xa utilizados noutros espazos públicos do concello, coma a Praza do Seixo, xerando así unha identidade propia dos espazos públicos de Tomiño recuperados para as persoas. Outro aspecto importante é a instalación dunha Iluminación harmónica que poña en valor o espazo e a arquitectura do lugar. Asimesmo, tamén se levarán acabo a revisión dos servizos de auga e saneamento existentes, canalización de cableado e instalación de novo mobiliario urbano e sinalización.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez manifesta “a súa satisfacción por esta importante obra, recuprando para as persoas unha das prazas máis fermosas do Concello, un exemplo de como o noso modelo dos espazos públicos, xa implantado e recoñecido nos núcleos urbanos, tamén se estenderá aos espazos publicos centrais das nosas parroquias”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario