A Guarda vive as Letras Galegas 2020 dun xeito diferente
Julio Sobrino González, presidenta da Agrupación Cultural Guardesa, e Mª Asunción (Chuny) Vázquez Vicente, poeta e pintora guardesa
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O pasado domingo día 17 de maio conmemorouse o Día das Letras Galegas 2020 e para celebralo, nesta ocasión a Concellería de Cultura, propuxo unha iniciativa na que moitos veciños foron convidados a participar compartindo e divulgando os versos e poemas escritos na nosa lingua.
Dende mediados da semana pasada foron moitos os que quixeron plasmar as súas letras na proposta “Tendal de Poemas” emprazando especialmente ás familias con nenos, a que escollesen un poema en lingua galega e o escribiran sobre un lenzo de tea, acompañando dunha bonita decoración ó gusto. Entre o material atopamos prendas de roupa vella (camisetas) ou retrincos de tea (saba, mantel...) ó que se lle deu forma de prenda de roupa.
Vista parcial do "Tendal de Poemas"
Os traballos están colocados polos participantes no tendal sito a carón da rúa Concepción Arenal, na contorna do Auditorio de San Bieito. Se alguén desexa participar pode facelo ata mediados desta semana. Os traballos permanecerán ata final de mes, se a climatoloxía o permite.
Tamén se quixo conmemorar este ano as Letras Galegas con dous vídeos: un da Agrupación Cultural Guardesa e outro do Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Sangriña.
No vídeo da Agrupación Cultural Guardesa, contouse coa participación de Julia Sobrino e Chuny Vázquez, que recitaron poemas do homenaxeado nesta edición, Ricardo Carvalho Calero.
O vídeo do IES A Sangriña leva por título "Conversa na rede - Ricardo Carvalho Calero". Trátase dunha conversa virtual entre alumnas e alumnos do IES A Sangriña (A Guarda) e profesoras, escritores e representantes de asociacións do ámbito da lingua e da cultura galegas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario