A CIG denuncia que a maior parte dos bancos restrinxirán os servizos á clientela
A principios deste ano, a maior parte das entidades financeiras comunicaron que, ao longo do mesmo, restrinxirían os servizos de caixa a partir das 11:00 horas da mañá, plan previo á situación xerada pola pandemia. Unha restrición de servizo á clientela, que debería ser investigada por se atenta contra os dereitos das persoas consumidoras.
Durante o Estado de Alarma e incluso durante o período de hibernación da economía, os servizos financeiros foron considerados esenciais. Malia todo, a maior parte dos bancos manteñen a súa intención de restrinxir os servizos de caixa das oficinas, que deixarían de prestar servizo á clientela que o demande a partir das 11:00 da mañá. Unha nova restrición que afecta en maior medida as persoas con dificultades para o uso da banca electrónica ou incluso dos caixeiros, nomeadamente as persoas maiores. A fenda dixital pode levar a marxinación financeira.
Estas restricións dos servizos non teñen que ver coa dixitalización, que é un medio, senón cun novo modelo de sistema financeiro que, no canto de dar servizo, está centrado na colocación de produtos financeiros cada vez máis complexos. Cun modelo de organización do traballo por obxectivos que é claramente lesivo para os cadros de persoal das entidades e tamén para a clientela. Quen ten a obriga de colocar un determinado número de produtos financeiros a unha carteira delimitada de clientes fixada polo banco, pode ter un conflito de intereses. Non podemos esquecer que os escándalos na comercialización de produtos tiveron a súa orixe nese modelo comercial e de organización do traballo.
A posta en marcha das restricións de servizo ao mesmo tempo por parte da maioría dos bancos, coincidindo incluso no horario das restricións, apunta a existencia dun pacto, que a CIG entende debería ser investigado tanto polos Organismos reguladores, coma polas Autoridades de consumo.
Nese senso, a CIG demanda que a Xunta de Galicia e o Goberno Central poñan en marcha medida inmediatas para garantir os servizos financeiros nas oficinas. Quen ten unha licenza bancaria non pode despreocuparse de dar servizo á clientela.
Galiza, 26 de maio de 2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario