23 de abr. de 2020

TOMIÑO

Tomiño aproveita a corentena para realizar melloras nos centros educativos   

Arranxo e reposición de parques infantís, instalación de equipos audiovisuais e de mobiliario, e tarefas de mantemento que estaban pendentes, ocupan estes días boa parte das horas dos operarios municipais 
   
Vista do novo parque infantil do CEIP de Sobrada que vén de instalar o Concello de Tomiño
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño aproveita o peche dos colexios para realizar melloras nalgúns centros educativos que o precisan, coma o CEIP de Sobrada, onde se estiveron instalando tres proxectores nas aulas de Educación Infantil, varias estanterías e encerados adquiridos polo propio centro, ademais de outros pequenos arranxos de mantemento. A principal novidade que vai atopar o alumnado é o novo parque infantil que acaba de instalar o Concello para o seu desfrute.  

 Na escola de Tebra estase aproveitando a ausencia do alumnado para reorganizar o patio na zona de Educación Infantil, comezando polo mantemento dos actuais elementos de xogo e instalando outros novos. Asemade, vaise resituar o areeiro e crearase un espazo para horta.  

 Estas obras foron xestionadas de maneira coordinada por Cristina Martínez Souto, concelleira de Educación e Alexandre Pérez Souto, concelleiro de Obras, que manifesta que “as melloras foron solicitadas e consensuadas previamente coas direccións das escolas e van encamiñadas a colaborar nunha progresiva modernización tecnolóxica das aulas e a un maior benestar do alumnado”. Comenta o edil que a ausencia de nenas e nenos nas escolas permite facer este tipo de intervencións con maior seguridade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario