Silva reivindica a necesidade de "ser proactivas/os e traballar para debuxar o futuro do sector" na reunión virtual da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes
A presidenta da Deputación de Pontevedra vai remitir unha petición á Consellería de Turismo para que convoque aos destinos de toda Galicia e informe dos plans que a Xunta de Galicia vai liderar para dar resposta á situación do sector turístico galego
Carmela Silva na reunión virtual da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes mantida esta mesma mañá
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
"É o momento de ser proactivas e proactivos, de traballar para debuxar cal vai ser o futuro do sector turístico a curto, medio e longo prazo", destacou Carmela Silva na reunión virtual da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes mantida esta mesma mañá, a través da ferramenta Zoom, e na que participou a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, e o presidente de Seggitur, Enrique Martínez, ademais dos 80 destinos que forman parte da rede.
No transcurso do encontro a presidenta tamén pediu a implicación das administracións autonómicas na recuperación do sector turístico, para o que vai remitir unha solicitude á Consellería de Turismo para que convoque aos destinos galegos e informe dos plans que a Xunta vai liderar para dar resposta á situación. No transcurso da reunión os destinos turísticos afondaron no impacto da pandemia no campo do turismo, así como coñeceron as iniciativas que se están a desenvolver para paliar os efectos da crise sanitaria e puxeron sobre a mesa propostas de traballo conxunto. Deste xeito, a presidenta provincial Carmela Silva agradeceu á Secretaría do Estado de Turismo a posta en marcha do encontro virtual xa que "é fundamental sumar ideas e recursos de todo tipo nesta situación na que está a cambiar todo, dende a nosa forma de pensar, ata a de xestionar o turismo. Debemos preguntarnos que van demandar as persoas visitantes despois desta pandemia e prepararnos, dende o mundo local, provincial, autonómico e estatal, para responder a estas novas demandas con ideas e recursos, con propostas de futuro, que permitan empurrar e reconducir esta situación tan dura para o sector turístico".
Para a presidenta da Deputación resulta fundamental "pedirlle ás Comunidades Autónomas que se poñan mans á obra e establezan unha relación directa con todos os destinos de cada comunidade, xa que teñen competencias en turismo". Ao respecto, Silva engadiu que é preciso que as Comunidades Autónomas "sumen xunto aos seus destinos, de xeito colaborativo, recursos de todo tipo para tomar decisións. Precisamos que os gobernos autonómicos se sumen a este proxecto de futuro que precisamos para salvar aos destinos". Por este motivo, a presidenta vai remitir unha solicitude ao conselleiro de Turismo para que convoque aos diferentes destinos galegos para informar das propostas que vai liderar a Xunta para dar resposta "a un sector que en Galicia supón o 12% do PIB".
Tamén no transcurso da reunión virtual a presidenta tivo palabras para o sector turístico. "Ninguén dubida das dificultades que está pasando o sector turístico, pero quero transmitir optimismo, facer un chamamento para traballar xuntas e xuntos, ser creativas e creativos, porque así poderemos solucionar esta complexa situación", asegurou Silva.
Pola súa banda, a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, destacou que esta "crise sen precedentes que paralizou o sector turístico vai obrigar a reformular todo, dende a nosa forma de relacionarnos, á de traballar e desfrutar do noso tempo libre". Por este motivo, Oliver asegurou que é necesario "poñer dende as administracións todos os recursos, intelixencia e capacidade para axudar ao sector turístico, algo no que está implicado o Goberno". Ademais, a secretaria de Estado animou aos destinos destacando que "estamos convencidas e convencidos de que sairemos adiante desta situación de xeito conxunto, con unidade de acción e apostando pola tecnoloxía".
A Deputación de Pontevedra é a única institución galega que forma parte da Comisión Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes como vogal. Nesta rede estatal, na que participan activamente ata 76 destinos de España entre os que se atopan Sanxenxo e Vilagarcía, estase a promover un novo marco de referencia baseado na innovación, coñecemento, tecnoloxía e gobernanza para construír espazos turísticos innovadores. Para elo a Rede DTI apóiase nunha infraestrutura de vangarda para garantir o desenvolvemento sostible do territorio, a accesibilidade, a interacción e a integración da persoa visitante coa contorna, así como a mellora da calidade de vida das persoas que residen nos destinos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario