15 de abr. de 2020

PONTEVEDRA

O CAAN da Deputación salva en dúas xornadas a nove cachorros abandonados na zona do Deza, dous deles nunha fosa de zurro dunha explotación gandeira  

Tres cachorros foron rescatados en Rodeiro e unha cadela e as súas seis crías en Lalín. Desde a entrada en vigor do Estado de Alarma o Caan recolleu xa 36 animais

Lara e os seus sete cachorros
Foto: D.PO.


 Infogauda / Pontevedra

 Tan só días despois do rescate da cadela Lara e os seus sete cachorros dunha situación extrema en Crecente, o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra realizou dúas intervencións para salvar dun tráxico final a outros nove cachorros abandonados en dous concellos da comarca do Deza.  

 No primeiro caso, o persoal do CAAN rescatou a tres cachorros atopados nunha explotación gandeira en Rodeiro. As circunstancias da aparición destes animais (dúas femias, Rona e Roma, e un macho, Ron), que tivo lugar o pasado Xoves Santo, 8 de abril, apuntan a que foron abandonados no devandito lugar. Amais, dous deles apareceron no interior dunha fosa de zurro e de non ser pola rápida intervención do persoal do centro da Deputación expoñeríanse a unha morte segura. Na zona onde se atoparon os animais, que teñen dous meses de idade, sitúanse varias explotacións gandeiras e apenas hai vivendas próximas, polo que a hipótese do abandono cobra forza. Afortunadamente, os cachorros atópanse en aparente bo estado e están a recuperarse e ser coidados polo persoal do CAAN, que xa procedeu a súa desparasitación.  

 E o pasado luns o centro rescatou a unha cadela, Laila, e os seus seis cachorros (Suso, Antón, Lois, Breixo, Ramón e Leal) que estaban abandonados en Outeiro, na parroquia de Moneixos en Lalín. O CAAN foi alertado pola Policía Local do concello da presenza dos animais e tralo seu rescate, o persoal do centro comprobou que as crías teñen un mes e se atopan en aparente bo estado, aínda que se están a extremar os coidados pola delicada saúde que habitualmente presentan os cachorros a esa idade.  

 Con estes animais son xa 36 os recollidos polo centro dependente da Deputación desde que se decretou o Estado de Alarma polo COVID-19. A presidenta provincial, Carmela Silva, fixo un chamamento contra o abandono de cans e cadelas nesta época de confinamento, "e de todos os animais que dependen de nós, que nos fan tanta compañía e que non merecen un maltrato tan brutal como é o abandono. Os animais nunca nos abandonarían, nin no noso peor momento, son incondicionais e a nosa resposta ten que ser coidalos e darlles o noso amor".  

 Silva lembrou que durante o Estado de Alarma o CAAN está pechado ao público e ten as adopcións suspendidas, pero mantén o seu servizo de lacería para casos de atención necesaria. Nestes supostos realizáronse recollidas desde o 14 de marzo nos concellos de Marín, Caldas, Redondela, Nigrán (2), Baiona, Meaño, Soutomaior, Meis (3), A Estrada, Mos, Campo Lameiro, Fornelos, A Cañiza, Crecente (8), Rodeiro (3), Vilanova (2) e Lalín (7). En seis destes casos  (Marín, Caldas, Meis, Mos, Vilanova e un en Nigrán), os cans puideron ser devoltos aos seus propietarios. Onte tamén se devolveu ao seu dono un can que fora recollido en Meis con anterioridade ao estado de alarma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario