2 de abr. de 2020

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INSTA Á RAPAZADA DA PROVINCIA A SEGUIR OS CONSELLOS DE TONUCCI DURANTE O CONFINAMENTO   

O pedagogo, firme defensor da necesidade das crianzas de gozar dos espazos públicos de calidade nas súas vilas, aposta por fomentar a imaxinación das e dos máis pequenos 

Francesco Tonucci - en primeiro termo - coa presidenta e o vice presidente da Deputación de Pontevedra
Fotos: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de animar á rapazada da provincia a seguir os consellos do pedagogo Francesco Tonucci durante o confinamento polo COVID-19. Para isto, o departamento de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos dirixido por Uxío Benítez Fernández, vén de trasladar vía correo eléctrónico aos concellos da provincia e de difundir publicamente a través das redes sociais oficial da institución un vídeo elaborado por Tonucci con desexos de ánimo e propostas centradas no xogo libre e en descubrir cousas descoñecidas de cada domicilio.  

 Tonucci, importante colaborador da Deputación de Pontevedra, é o creador do proxecto da ‘Cidade das nenas e nenos’ e un firme defensor da necesidade de que as crianzas gocen libremente dos espazos públicos de calidade nas súas vilas e cidades e de que estas se deseñen en función das súas necesidades. Considera, de feito, que os nenos e nenas deben xogar un papel protagonista no ‘ecosistema urbano’ para o seu desenvolvemento propio.   

 Porén, e debido ás causas excepcionais do confinamento e de que os espazos públicos non poden ser utilizados, Tonucci propón como consello principal ás nenas e nenos que fomenten o xogo libre incluso no domicilio. “Como se fai iso na casa? Pois inventando, pedindo aos pais e aos avós que conten como facían de pequenos, imitándoos…”, subliña o pedagogo, que anima tamén a ter relación cos amigos da maneira que sexa posible, ben polo teléfono ou ven a través do skype.


Tonucci - no centro da imaxe - coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o deputado Uxío Benitez


 Tonucci insta a vivir a experiencia da mellor maneira posible e, dirixíndose aos máis pequenos da casa a través dun vídeo duns 5 minutos (https://www.facebook.com/groups/redlatamcdn/permalink/2559288067672794/), pídelles que axuden aos pais e a nais e aos e ás mestres para que sexa un tempo bo. A pesares de que en moitas das súas ‘viñetas’ sempre foi moi crítico con que as crianzas fiquen nos domicilios en lugar de saír á rúa, unha das súas suxestións –como non pode ser doutro xeito- é “aproveitar a casa” para aprender, e descubrir cousas novas e descoñecidas como “como funciona a lavadora, como se cose un botón ou de onde vén a auga, a electricidade ou o gas”. Tamén subliña o interesante de aproveitar a cociña como un obradoiro de ciencias.   

 A seguir, o pedagogo aconsella á rapazada escribir un diario no que reflexar as súas emocións, cousas secretas, temores ou aburrimentos, para que despois dos anos se poida ler incluso con certa nostalxia cos fillos e fillas. Tamén propón ler diariamente libros non como tarefa ou necesidade, senón como “pracer”, “reto” ou “fortuna”, incluso entre toda a familia en modo teatral.   

 Finalmente, Tonucci insta ás e aos máis pequenos da casa a preocuparse dos avós. Di que é unha “proposta interesada” xa que el mesmo ten nenos e netas, mais subliña a importancia de que os avós e avoas se sintan necesitados e teñan compaña. “Non ten que ser todos os días, pero o máis frecuentemente posible”, insiste.  

 A Deputación de Pontevedra vén colaborando na difusión das propostas, proxectos e traballos de Francesco Tonucci dende o inicio do pasado mandato. De feito, creou unha rede provincial de ‘cidades das nenas e dos nenos’ nas que hai preto dunha trintena de concellos. Así mesmo, organiza anualmente a viaxe de representantes deses municipios ao encontro estatal que se realiza en España, onde se poñen en común ideas, propostas e plantexamentos. Este ano, sen embargo, a previsión é que o encontro poida ter problemas para a súa celebración, non estando definido nada ao respecto a día de hoxe.  

 A filosofía de Francesco Tonucci de deseñar as cidades á medida de nenas e nenos para que poidan ser gozadas polo resto de persoas é unha das liñas filosofais de actuación da Deputación de Pontevedra, que ten sinalado como primeiro eixo das súas actuacións ‘poñer ás persoas primeiro’ na realización de melloras urbanas e obras en estradas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario