Vázquez Mejuto solicita ao Goberno levantar o embargo dos fondos do Plan de Vivenda das anualidades 2020 e 2021 comprometidos xa en actuacións para os galegos
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aclara a representantes dos administradores de fincas e dos axentes inmobiliarios que Galicia xa comprometeu un 63% en convocatorias publicadas e un 32% en convocatorias en tramitación dos fondos dos anos 2020 e 2021
Lamenta que se modifique o Plan de Vivenda, sen consulta previa ás comunidades autónomas, para financiar decisións do Goberno central, que non tratan unha solución para as persoas afectadas pola situación económica xerada polo COVID-19, senón que vai máis alá
Ángeles Vázquez estimou que os fondos extraordinarios que recibirá Galicia e reorientando outras convocatorias, a Xunta habilitará case 7 M€ cos que poderá axudar a 4.300 persoas aproximadamente
Infogauda / Galicia
A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta mañá que a Xunta
vén de demandar ao Goberno do Estado paralizar o embargo dos fondos
actuais do Plan de Vivenda, relativos ás anualidades 2020 e 2021, pois
xa están comprometidos en distintas actuacións e accións para os
galegos.
A conselleira de Medio Ambiente –xunto co director do
Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García Porto- mantivo esta
mañá unha reunión por videoconferencia con representantes dos
administradores de fincas e dos axentes inmobiliarios para abordar as
últimas medidas en materia de vivenda aprobadas polo Goberno do Estado, a
través do Real Decreto-Lei 11/2020, do 31 de marzo.
Ángeles
Vázquez lamentou que o Estado non prevé unha dotación orzamentaria nova
acorde ás medidas que se adoptan, nin en contía nin en anualidades;
senón que pretende facer unha reestruturación dos fondos actuais cos que
están dotados os vindeiros dous exercicios do Plan de Vivenda, os cales
Galicia –ao igual que outras comunidades autónomas- xa teñen reservados
para a posta en marcha das distintas liñas e programas que anualmente
se convocan; e tan só establece unha nova partida, de 100 millóns de
euros, para todos os afectados a nivel estatal.
Aclarou que o
Instituto Galego de Vivenda e Solo ten consignados os fondos do Plan de
Vivenda nun 63% a través das convocatorias publicadas e nun 32% en
convocatorias en tramitación; polo que o orzamento do Plan de Vivenda
dispoñible limítase a un 5% do total, o que se traduce en 1,2 M€ que a
Xunta podería dedicar ás medidas establecidas para paliar as
consecuencias provocadas pola crise do Covid-19 en materia de vivenda.
Vázquez
Mejuto afirmou que a decisión adoptada polo Goberno do Estado non é
realista, ao insistir en que os fondos do exercicio 2020 e 2021 xa están
comprometidos, e lamentou que o Goberno de Sánchez adoptase unha
decisión deste calado sen consultar previamente ás comunidades
autónomas. Nese sentido, reiterou que –tal e como xa avanzou onte o
presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo- o departamento que
dirixe solicitou ao Goberno que non avance por ese camiño e non se
minoren os fondos do Plan de Vivenda das rexións para financiar as
decisións do Goberno central.
Explicou que as ferramentas que
adopta o Estado para axudar aos galegos a manter e sufragar o alugueiro
das súas vivendas, pasan por modificar o Plan de Vivenda 2018-2020, polo
que non se trata dunha solución para as persoas afectadas pola
situación económica xerada polo COVID-19, senón que vai máis alá.
A
conselleira tamén lles trasladou que o Ministerio de Transportes,
Mobilidade e Axenda Urbana disporá unha partida de 100 M€ -procedente do
Fondo de Continxencias- para o conxunto das comunidades, da que Galicia
recibirá 5,7 M€. Segundo os cálculos realizados polo IGVS, esta
cantidade permitirá subvencionar a renda de máis de 2.300 fogares por un
período de 6 meses. “Unha cifra moi por debaixo das persoas
susceptibles de solicitar dita axuda, polo que cos fondos
extraordinarios e reorientando outras convocatorias, Galicia habilitaría
recursos para axudar a 4.300 persoas aproximadamente”, detallou.
Por
último, a conselleira agradeceu o interese dos representantes dos
administradores de fincas e dos axentes inmobiliarios sobre o alcance
destas medidas propostas polo Goberno do Estado e comprometeuse a
recoller e trasladar as consideracións deste colectivo para remitirllas
ao Ministerio, co fin de obter unha maior precisión do alcance das
medidas, así como de novos posibles instrumentos para a súa
implantación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario