A Xunta de Galicia agradece o traballo e "a loita sobre o terreo" das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil durante a crise sanitaria
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo onte unha reunión por videoconferencia cos representantes das catro provincias para coñecer as súas achegas e necesidades
Ata o día de onte, os voluntarios e voluntarias levan realizado case 17.000 operativos
A Xunta investiu nos últimos anos máis de 12 millóns de euros en equipar ás agrupacións de Protección Civil
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela,
agradeceu o traballo das Agrupacións de Voluntarios de Protección
Civil (AVPC)
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela,
agradeceu o traballo das Agrupacións de Voluntarios de Protección
Civil (AVPC), que están realizando un labor fundamental ante a crise
sanitaria causada pola epidemia de coronavirus.
Así llo trasladou
onte a representantes de Protección Civil das catro provincias, durante
unha reunión por videoconferencia na que tamén se abordaron as achegas e
necesidades destas agrupacións, que levan “desde o principio do estado
da alarma loitando sobre o terreo e traballando en toda a axuda que é
necesaria nesta pandemia”. No encontro tamén participaron o director
xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da
Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo.
A activación en
Galicia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) supuxo
tamén a activación destas agrupacións. Para que realizasen o seu labor
coas máximas garantías, a Xunta fíxolles chegar unha circular con
indicacións como recomendacións sanitarias ou sobre a organización do
persoal ante a situación de emerxencia. Tamén se lles pediu que
trasladasen, a diario e de forma telemática, os operativos que realizan.
Desde
ese momento, 176 AVPC están traballando sobre o terreo e levan
realizado, a día de onte, case 17.000 operativos. A maioría destas
accións consistiron no reparto de alimentos e medicamentos, así como
visitas a persoas que viven soas para comprobar o seu estado, accións
que se desenvolveron especialmente no rural. Tamén se ocupan doutras
funcións como a desinfección de lugares públicos ou tarefas de apoio ás
forzas e corpos de seguridade. En definitiva, “un traballo
imprescindible e insubstituíble que están realizando baixo a
coordinación da Xunta”.
O vicepresidente destacou a importancia de
todas estas accións e trasladou o apoio do Goberno galego aos
voluntarios e voluntarias. Neste ámbito, destacou que o Goberno galego
fixo chegar xa material de protección aos 313 concellos. En concreto,
488.000 luvas, 232.000 máscaras, 2.700 botes de xel hidroalcohólico,
12.200 traxes antisalpicaduras, 16.000 batas, 121 garrafas de
desinfectante e 2.100 litros de lixivia.
“Non hai que esquecer que
unha parte moi importante deste material -máscaras, guantes, traxes,
elementos para desinfectar...- van ás agrupacións de voluntarios”. De
feito, un dos criterios de reparto, pactado coa Fegamp, é o número en
cada concello de voluntarios de Protección Civil, porque é un persoal
que “necesita estar protexido”.
Ademais, o vicepresidente recordou
que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 12 millóns de euros en
equipar estas agrupacións, “un investimento que é sempre útil e que se
está vendo durante estes días que é absolutamente fundamental”. Lembrou
que tamén se lles brinda formación aos voluntarios a través da Academia
Galega de Seguridade Pública (AGASP).
Ningún comentario:
Publicar un comentario